Falece Rafa Lino, ex directivo de Pontevedra, Cambados e Federación Galega de Fútbol
Por Ramiro Espiño
O fútbol galego está de loito polo falecemento a últimas horas da noite deste venres de Rafael Lino Sáenz-Díez. Coñecido nos ambientes deportivos e da capital do Lérez como 'Rafa Lino", fora vicepresidente segundo do Pontevedra CF e responsable da súa comisión deportiva durante catro anos, coa directiva presidida por Miguel Domínguez Vaz, entre 1982 e 1985, desempeñando tamén os labores de delegado do primeiro equipo.
Con Rafa Lino na directiva, e como máximo responsable das fichaxes, para os que se lle recoñecía unha extraordinaria visión, ademais dun gran coñecemento dos talentos que xurdían no fútbol galego, o equipo granate había conseguido quedar campión da Terceira División en tres anos consecutivos, ata lograr o mítico ascenso de Eibar, en 1984, con Fernando Castro Santos como adestrador.
Seu foi o mérito de descubrir xogadores importantes para o club, como Tapia, Domingo, Cal, Paco, Amigo, Taboada, Collazo ou Prol, entre outros moitos.
Posteriormente, Rafa Lino foi o artífice tamén dos éxitos deportivos do Juventud de Cambados que presidiu Sito Miñanco, como responsable da comisión deportiva do club cambadés, ao que logrou situar nas cotas deportivas máis altas da súa historia, levándoo ata a Segunda División B, na que da man de Mario Guede como técnico, o Cambados realizou un destacado papel desde 1989 ata 1993, superando na táboa con frecuencia a clásicos daquel entón, como o propio Pontevedra, CD Orense, Racing de Ferrol ou CD Lugo.
Na súa traxectoria futbolística figura tamén a súa achega durante 12 anos como directivo da Federación Galega de Fútbol, e, na súa condición de avogado, foi elixido por Manuel Barreiro Lores para integrar o Comité de Competición da Delegación de Pontevedra, función que desempeñou durante bastantes anos.
Rafa Lino tiña 77 anos de idade. Os seus restos mortais están a ser velados no Tanatorio San Mauro de Pontevedra e serán incinerados na intimidade familiar este domingo, ás doce da mañá. O funeral celebrarase o luns, día 7, ás 20:00 horas, na Igrexa parroquial de San José de Campolongo.