O ascenso, máis preto para tres árbitros pontevedreses
Por Redacción
A Cidade do Fútbol de Las Rozas acolle esta fin de semana, os días 5 e 6 de maio, a IV Fase do Programa de Talentos do Comité Técnico de Árbitros, na que estarán presentes ata tres colexiados pontevedreses que se manteñen na pelexa polo ascenso.
Alberto Gómez Lameiro e Daniel Pastoriza Iglesias son os dous xuíces de Terceira División do CTA de Pontevedra que se manteñen na carreira por lograr subir á Segunda División B.
Un total 54 árbitros de toda España someteranse a un esixente curso de selección, onde terán que afrontar exames técnicos e de vídeo referentes ás regras de xogo, probas físicas, exame de redacción de actas, proba de lingua inglesa e test psicotécnicos.
Ademais Anxo Fariña Biasi é un dos 23 colexiados asistentes seleccionados para someterse a un control físico-técnico, tras o que os mellores clasificados lograrán o ascenso á Segunda División A.
A representación galega nas xornadas complétana o árbitro principal Iván Abel Bruzos (Lugo), o asistente Fabián Blanco Rodríguez (A Coruña) e a colexiada Beatriz Cuesta Arribas (A Coruña) que aspira a subir á Primeira División Feminina.