O equipo infantil da Escola Hungaresa de esgrima, subcampión de España
Por Redacción
A Escola Hungaresa de Esgrima lembrará durante moito tempo o Campionato de España Infantil e Cadete celebrado na localidade gaditana de Chiclana de la Frontera.
O seu equipo infantil feminino de sabre subiu ao podio do torneo levando a medalla de prata, despois de partir na competición desde o terceiro posto do ránking.
No primeiro encontro en final de 8, o equipo formado por Pilar Garnelo, Patricia Gutiérrez e Leyre Grande mediuse á Sala de Armas de Madrid. Na semifinal o equipo pontevedrés enfrontouse ao do Club de Esgrima Barajas, nun encontro con continuas alternancias que se decidiu na substitución final por 45 tocados a 44.
Na final esperaba a Sala de Armas de San Lorenzo del Escorial, un enfrontamento no que apenas tiveron opción ao caer por 45 tocados a 18 que non embaza en absoluto o logrado.
A nivel individual, Leyre Grande foi a que máis lonxe chegou ao plantarse na final de 8 tiradoras, na que cedeu ante a madrileña Leire Bravo para asinar unha meritoria sexta posición no seu primeiro ano na categoría infantil. Pola súa banda Pilar Garnelo finalizou no posto 12 e Patricia Gutiérrez, que non puido pasar da fase de grupos, no 28.
Pola súa banda en sabre masculino infantil participaron Iago González e Lucas Campos, finalizando nos postos 15 e 17 respectivamente.
En canto á categoría cadete a Escola Hungaresa presentou unha importante participación na modalidade de sabre masculino por medio de Andrés Boullosa, Pablo González, Iago González e Alberto Campelo. Boullosa foi o único que superou o asalto de eliminación directa de 64 tiradores, cedendo na seguinte rolda ante o madrileño Gael Abellón.
No sabre feminino cadete repetiu presenza Leyre Grande, pero non superou a fase previa concluíndo na 21ª posición.
Relacionadas:
-
RADIO.- A Escola de Esgrima Hungaresa, pioneira en España na actividade con discapacidades visuais
Por Marisa Ciordia |
-
A Escola Hungaresa consegue dúas medallas de ouro en Madrid no Criterium Nacional de Esgrima
Por Redacción |
-
Dobre medalla para a Escola Hungaresa de esgrima no Trofeo Internacional Sant Jordi
Por Redacción |
-
A esgrima galega exhíbese na Peregrina
Por Redacción & Mónica Patxot |