O Waterpolo Pontevedra reconquista nos penaltis o título da Liga Galega
Por Redacción
Emocionante. Así foi o desenlace da Liga Galega de Primeira División de waterpolo no terceiro e último encontro da final celebrado na piscina compostelá de Santa Isabel.
O Club Waterpolo Pontevedra reconquistou na quenda de penaltis o título de campión autonómico ao vencer ao CW Santiago, primeiro clasificado da liga regular.
Tras gañar os pontevedreses o primeiro partido por 5-4 e perder o segundo por 11-10, esperábase de novo un encontro moi disputado e así foi. O partido comezou mal para os do Lérez que perdían o primeiro cuarto 3-1 e chegáronse a ver 6-3 no luminoso a metade do segundo parcial, pero dous goles de Bran reducían distancias para chegar ao intermedio cun 6-5.
Un parcial de 0-3 poñía por primeira vez en vantaxe aos de Javi de Sáa, pero non durou demasiado e os locais empezaron os últimos minutos cunha lixeira vantaxe de 10 a 9. Esa renda subiu aos dous goles, pero primeiro o tanto de Álex e despois o de Juanjo a falta de 38 segundos forzaban os penaltis.
Na quenda decisiva o porteiro pontevedrés, Pablo, foi o protagonista con dúas paradas, que unidas a un lanzamento ao pau dos composteláns deron o terceiro título de liga na historia do seu club pechando un ano sobresaliente, no que tamén levaron o triunfo na Copa Galega. Agora, en dúas semanas, como colofón da tempada o Pontevedra participará no Campionato de España Masculino de 3ª División en Valencia.
A fin de semana foi especialmente positiva para o club pontevedrés, que tamén se proclamou campión da Liga Galega Infantil Mixta, a Liga Galega Absoluta de 2ª División e a Liga Galega Cadete Mixta.
Relacionadas:
-
O equipo feminino do Waterpolo Pontevedra consegue o dobrete
Por Redacción |
-
A Federación Española volve fixarse no Waterpolo Pontevedra
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra falla na súa primeira oportunidade de sentenciar o título de liga
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra toma vantaxe na final polo título galego
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra, campión de copa
Por Redacción |