Prohibido fallar para o Poio Pescamar para non ver perigar a súa praza copeira
Por Redacción
A deste sábado (18:30 horas) no pavillón municipal da Seca antóllase como unha cita clave para o Poio Pescamar no seu obxectivo de clasificarse para a Copa de España por segundo ano consecutivo.
A designación de Cádiz como sede da fase final da competición copeira, do 8 ao 10 de xuño, e o feito de que o club local sexa o actual pechacancelas da Primeira División, reduce as prazas dispoñibles aos sete primeiros da táboa, polo que a clasificación encareceuse.
Sétimo precisamente é o cadro vermello, pero con só 3 puntos de diferenza sobre o Penya Esplugues, a falta de cinco xornadas para o final da liga.
Con este panorama, o Poio Pescamar quere esquecer canto antes a goleada encaixada en Burela cun triunfo este sábado ante a súa afección contra un Guadalcacín FSF que pelexa aínda por certificar a súa permanencia.
Con Silvia Aguete aínda sen estar en plenitude de condicións, o resto do equipo buscará evitar un tropezo que comprometa a súa sétima posición.