A Federación Galega de Piragüismo valora renunciar á xestión do complexo de Pontillón do Castro
Por Redacción
Menos dun ano despois de acordar o convenio entre Xunta de Galicia e Federación Galega de Piragüismo (FEGAPI) para ceder a esta última a xestión do Complexo Deportivo David Cal de Pontillón do Castro está no aire.
Faino tras decidir a última asemblea federativa dar un ultimato ao goberno galego. Os presentes aprobaron por maioría (57 votos a favor, un en contra e dúas abstencións) rubricar o convenio pero cunha excepción, se antes de finalizar 2018 "non se plasman as cantidades xustas pola instalación de Verducido e os custos do CGTD onde non provoquen déficit á federación", a FEGAPI renunciará á súa xestión, que debería ser asumida pola Secretaría Xeral para o Deporte.
Na asemblea estivo presente a máxima responsable do deporte autonómico, Marta Míguez, que explicou a situación na que se atopa a Secretaría Xeral debido ao reducido orzamento que manexa para contentar a todas as federacións deportivas, para ausentarse despois no momento das votacións
Segundo a explicación de Alfredo Bea na asemblea extraordinaria da Federación Galega de Piragüismo, a delegación de competencias xerou "máis de 70.000 euros de déficit" debido ao mantemento do complexo de Pontillón do Castro e pola tecnificación dos alumnos bolseiros no CGTD.
O convenio entre Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e a FEGAPI foi acordado en agosto de 2017 cunha concesión de cinco anos prorrogables por períodos sucesivos ata un máximo de 75 anos.