A Gimnástica pide apoio ao público para a xornada de 1ª División de Atletismo no CGTD
É unha "oportunidade que poucas veces ocorre", asegura Santi Ferrer, e por iso desde toda a Sociedad Gimnástica, coa súa presidenta Charo Castro á cabeza, pediron apoio ao público pontevedrés para a xornada da liga nacional de Primeira División Feminina de atletismo que acollerán no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
A cita, que terá lugar o domingo 29 de abril desde as 9:30 horas da mañá (entrada de balde), supoñerá o arranque ligueira na segunda tempada consecutiva do equipo pontevedrés na categoría.
"Enfrentámonos a tres equipos de certo nome", recoñece Ferrer, como son o Piélagos cántabro, equipo recentemente descendido da máxima categoría, o Atletismo Celta e o CEA Tenerife, e a Gimnástica faino cun equipo "moi xoven, con 90% de atletas da canteira".
O obxectivo do club, por encima de todo, é lograr a permanencia na categoría, pero loitará por igualar o resultado da pasada campaña, cando se meteron entre os 8 mellores da categoría para pelexar polo ascenso a División de Honra.
Para iso será necesario render a bo nivel nas dúas primeiras xornadas da competición, que se disputarán con dous atletas por proba, e tras as que se realizará o corte de que equipos disputarán o título e cales loitarán por eludir o descenso.
Nesta ocasión a Gimnástica chega co equipo "case ao pleno e esperamos non fallar", sinalou un dos responsables técnicos do club.
As pistas do CGTD non acollen unha xornada das ligas nacionais de atletismo desde o ano 2008, cando o fixese na División de Honra Masculina. Tamén os mozos, que seguen na máxima categoría, competirán a próxima fin de semana na primeira xornada de liga, no seu caso desprazándose a Madrid para enfrontarse ao AD Marathon, Fent Camí Mislata e Unicaja Atletismo.
Relacionadas:
-
A Gimnástica inicia as ligas nacionais con senllos terceiros postos
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Dobre podio para a Gimnástica no Campionato Galego de Clubs
Por Redacción |
-
A Gimnástica será anfitrioa na primeira xornada da Primeira División Feminina de atletismo
Por Diego Espiño |
-
Batería de reforzos para os equipos absolutos da Gimnástica
Por Redacción |