O Waterpolo Pontevedra falla na súa primeira oportunidade de sentenciar o título de liga
Por Redacción
A final de Liga Galega de Primeira División decidirase no terceiro e último encontro da serie, despois de que o Waterpolo Pontevedra deixase escapar a súa primeira oportunidade de pechar o título ao perder en Santiago de Compostela por un apertado 11 a 10.
Os pontevedreses gañaran o primeiro encontro, pero cometeron erros que pagaron caro. A pesar de comezar mandando no primeiro parcial por 2-3, os nervios en ataque impedían finalizar as xogadas con eficacia e no segundo cuarto o equipo local conseguía dar a volta ao marcador grazas a dous goles de penalti.
O CW Santiago seguiu aumentando diferenzas no marcador, chegando a poñerse cun favorable 8-5 a principio do terceiro cuarto, pero o CW Pontevedra non baixou os brazos e comezou o último período empatando a goles, uns últimos minutos de loita constante que se terminaron decantando en favor dos locais.
Tras este resultado o desenlace da Liga Galega deberá esperar ao próximo sábado 28 de abril (18:45 horas) de novo na piscina compostelá de Santa Isabel.