Valiñas dá tres puntos de ouro no último minuto ao Marcón e o Campo Lameiro dobrega o líder
Por Redacción
A loita por evitar os posibles postos de arrastre no Grupo Sur de Preferente está a lume de carozo, de aí a importancia das vitorias conseguidas esta xornada polo Marcón e o Campo Lameiro.
Un gol de Valiñas no último minuto deu tres importantes puntos ao Marcón Atlético ante Unión Grove (2-1) despois dun encontro moi disputado.
Os pontevedreses adiantáronse no minuto 23 cun tanto en propia porta, pero os mecos igualaron xa no segundo acto. Foi entón cando os de Borja Burgos demostraron que se xogaban máis que o seu rival e lanzáronse a por un gol que chegou nos instantes finais.
Coa vitoria o Marcón colócase con 39 puntos no posto 13 da clasificación, mentres que o Unión Grove é oitavo con 52 puntos.
Consulta a acta do Marcón Atlético-Unión Grove.
A sorpresa da xornada deuna o Campo Lameiro ao vencer a domicilio ao que chegaba como líder, o Estradense (1-2) nun encontro moi serio.
Os verdes fixeron o primeiro pasada a media hora de xogo por medio de Santi Fontán, e aínda que os locais buscaron con insistencia o empate, o que chegou mediado o segundo acto foi o 0-2 de Fernando.
O Estradense só conseguiu aprtear o marcador xa no tempo de desconto ao transformar un lanzamento de penalti.
O triunfo coloca ao Campo Lameiro con 36 puntos na décimo quinta posición.
Consulta a acta do Estradense-Campo Lameiro.
O Beluso mantén o seu bo momento tras darse unha homenaxe á conta do pechacancelas da competición, o Ribeiro (6-1).
Os de Bueu golpearon aos 10 minutos de xogo co 1-0, e aínda que o Ribeiro empatou na seguinte xogada, nada puido facer por manter o resultado ante a efectividade local, chegando ao descanso cun 4-1 no marcador grazas aos goles de Santi Colmenero, Xullo e Adrián Estévez (2).
No segundo acto, con todo decidido, o Beluso ampliou mesmo a vantaxe con tantos de Manu Freire e Daniel Pérez, que colocan ao equipo nunha cómoda novena posición con 50 puntos.
Consulta a acta do Beluso-Ribeiro.
Salvou un punto o Xuventú Sanxenxo na casa ante o Erizana (2-2), pero afástase irremediablemente da zona de ascenso directo, agora a 10 puntos de distancia.
Os amarelos, despois dunha primeiro parte de igualdade, víronse sorprendidos tras o descanso por un necesitado rival, que se adiantou ata por dúas ocasións. Con todo lograron empatar cos goles de Álex Currás e de Diego Blanco, este último a só 4 minutos do final.
Con este resultado os de Baltar de Arriba quedan na sétima praza con 56 puntos.