Praga de baixas no Pontevedra como secuela do partido fronte ao Rácing de Ferrol
Por Ramiro Espiño
A volta aos adestramentos do Pontevedra, tras a vitoria sobre o Rácing de Ferrol estivo lonxe de ser tranquila. Milo encontrouse cunha auténtica praga de baixas como secuela do intenso partido fronte ao líder. Ata seis xogadores non puideron traballar en Pasarón cos seus compañeiros por diversos problemas físicos, ademais de Pablo, ausente por estudos, e Javi Pazos, que actuou co filial, recibindo un forte golpe no nocello que lle impediu adestrar.
Deste modo o protagonismo foi para a fisioterapeuta do equipo, Nerea Videira, que tivo acumulación de traballo para atender a todos os xogadores con problemas. O que poderiamos denominar como "parte de guerra" encabézao David Pérez, que houbo de retirarse durante o partido, e que sofre molestias nos isquiotibiales, con bastante dor. O seu estado é o máis preocupante, en principio, polo que o martes será sometido a unha ecografía para determinar o alcance exacto da súa lesión ou descartar calquera posible rotura muscular.
Completan a lista de afectados, tamén con molestias nos isquitibiales, Santi Domínguez. Jacobo presenta unha escordadura nun dedo do pé dereito. Moisés Pereiro con molestias nos abdutores. Cristóbal Juncal cun golpe no nocello dereito, mentres que Adrián Gómez ten dores nas costas.
Coa semana por diante, Milo confía en recuperalos a todos, coa dúbida de David Pérez, en función do resultado da proba que se lle vai realizar, para a nova final do próximo domingo, no campo de San Pedro, en Villalonga, un partido que xa ten hora fixada, e que dará comezo ás 17:30 horas.