O Waterpolo Pontevedra toma vantaxe na final polo título galego
Por Redacción
Golpea primeiro o Waterpolo Pontevedra na final polo campionato de liga da Primeira División Galega masculina, despois de vencer na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva o CW Santiago (5-4).
Foi un partido agónico onde ambos os dous equipos estiveron desacertados cara portería, tal e como reflectiu un primeiro cuarto no que se marcou un só gol, visitante, nunha xogada en superioridade.
No segundo parcial os pontevedreses mostráronse máis acertados, en defensa e logrando dar a volta ao marcador con dous goles de Germán e outro de Juanjo, que lles permitían chegar ao descanso cunha vantaxe de 3-1.
A igualdade mantívose todo o encontro, chegando a conseguir o CW Santiago o empate a 3 goles 5 minutos do final. Pero o equipo local volveu distanciarse dous goles con accións de Aarón e Bran para facerse cunha valiosa vitoria final por 5-4.
Tras adiantarse na eliminatoria, os de Javi de Sáa viaxan o sábado 21 de abril á piscina compostelá de Santa Isabel (18:45 horas), onde buscarán certificar o seu bo momento para facerse co título autonómico. Teñen dúas oportunidades para conseguilo.
A fin de semana tamén xogou o equipo absoluto feminino do CW Pontevedra, que pechou a última xornada de liga cun triunfo en Ourense (4-14) para mantenrse invicto. Agora o obxectivo céntrase en facer un bo papel no Campionato de España Absoluto de 2ª División, onde participarán por primeira vez na súa historia.
Relacionadas:
-
O Waterpolo Pontevedra reconquista nos penaltis o título da Liga Galega
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra falla na súa primeira oportunidade de sentenciar o título de liga
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra, campión de copa
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra métese na final da Liga Galega tras un ano de ausencia
Por Redacción |