Dobre medalla para a Escola Hungaresa de esgrima no Trofeo Internacional Sant Jordi
Por Redacción
Positivos resultados os conseguidos polo equipo da Escola Hungaresa desprazado ao Trofeo Internaccional Sant Jordi disputado en Barcelona.
Na competición, incluída no Circuíto Europeo Infantil de Esgrima e puntuable para o ranking nacional de sabre na categoría M-14.
Os mellores resultados foron os de Pilar Garnelo e Leyre Grande, ao subir ao podio como medallas de bronce nunha categoría na que tamén competiu Patricia Gutiérrez. As tres tiradoras avanzaron de forma directa tras a fase de grupos.
Nos asaltos de eliminación directa Leyre Grande e Pilar Garnelo venceron con solvencia ás catalás Erica Torres e Duna Dobos, logrando a clasificación para a final de 8 tiradoras. Pola súa banda, Patricia Gutiérrez finalizou o torneo nunha meritoria novena praza, ao caer ante a madrileña Patricia Torres.
Tras superar os cuartos, nas semifinais, Leyre e Pilar cederon nos seus asaltos por 15-4 e 15-12 fronte ás madrileñas Lucía del Palacio e Candela González tendo que conformarse ambas as dúas co bronce. É en todo caso un fito para o club pontevedrés, que por primeira vez consegue dous podios na mesma proba nun trofeo de ámbito internacional.
Completaron a representación da Escola Hungaresa Lucas Campos e Iago González cun décimo e un décimo cuarto posto, pechando un Trofeo Internaccional Sant Jordi no que participaron tiradores de Francia, Italia, Estonia, Holanda, Bélxica, USA, Canadá e Portugal.
Superada esta cita, agora o club pontevedrés centra a súa preparación no Campionato de España Infantil e Cadete que se disputará a finais do mes de abril na localidade gaditana de Chiclana de la Frontera.