A transformación do Valladolid B, próximo rival do Pontevedra
Por Diego Espiño
De desafiuzado a un dos equipos máis en forma da competición. O Valladolid B experimentou unha profunda transformación con respecto ao equipo que comezou a liga e o que visitou o Estadio Municipal de Pasarón na xornada 16 da competición.
Por aquel entón o filial valisoletano, que rabuñou un empate en Pontevedra, era pechacancelas con só 9 puntos no seu marcador, polos 17 dos granates, pero agora no tramo final da segunda volta todo cambiou e chegan á cita despois de encadear 12 xornadas sen perder (non o fai desde o 28 de xaneiro). É certo que ao equipo adestrado desde a sexta xornada por Miguel Rivera gañou só 5 deses 12 partidos (7 empates), pero revelouse como un dos conxuntos máis difíciles de bater do campionato no momento decisivo, cando está o xogo a permanencia na división de bronce do fútbol nacional.
Ademais do cambio no banco, a reacción no Valladolid B empezouse a converter en realidade tras o mercado do inverno. Marcharon futbolistas como Porte, Rubén, Mito e Tanis e chegaron outros como o gardameta Dennis, o atacante uruguaio Boselli, cedido polo Peñarol, o lateral zurdo Moi e o extremo Domínguez, que desde a súa chegada logrou xa 6 goles.
O resultado foi o despegamento do filial, que agora ocupa o décimo cuarto posto na táboa con 40 puntos, xusto por diante do Pontevedra (38). De aí a importancia do choque entre ambos o vindeiro domingo 22 de abril (11:30 horas) nos anexos de Zorrilla, xa que o que consiga saír vitorioso dará un importante paso cara á salvación.
Uns datos que poderían non alentar o optimismo, pero o estado de ánimo nos de Pasarón cambiou substancialmente nas últimas semanas. Nin sequera ser aínda o peor visitante do grupo afunde xa a moral dos granates tras a vitoria no seu último desprazamento, en Navalcarnero, e na Copa Federación, ademais de por salvar un punto ante o Guijuelo no seu peor encontro das últimas semanas.
NACHO LÓPEZ, CO GRUPO
O inicio da semana de traballo, xa sen encontro entre semana, deixou unha grata nova para Luismi co regreso ao grupo de Nacho López, superados os seus problemas musculares. Pola súa banda Adrián León segue entre algodóns aínda que non se descarta a súa participación ante os valisoletanos. Si parece imposible a presenza de Jimmy, que se mantén á marxe do colectivo por culpa dunha rotura de fibras. Ademais o técnico granate recuperará para a causa a Álex González cumprido o seu encontro de sanción.
VIAXE ORGANIZADA PARA A AFECCIÓN
Conscientes da importancia que teñen as dúas próximas xornadas de liga para o equipo, ambas as dúas a domicilio e ante rivais directos, o club púxose ao choio para facilitar o desprazamento dos seus afeccionados.
Por ese motivo anunciou unha viaxe en autocar con saída desde Pontevedra ás 5:00 horas da madrugada do propio domingo cun prezo de 30 euros por persoa, coa entrada do encontro incluída. A reserva de prazas pode realizarse ata as 14:00 horas do venres nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón.
Relacionadas:
-
Sufrimento con final feliz para o Pontevedra en Valladolid (1-2)
Por Redacción |
-
Seguir sumando, única receita do Pontevedra para achegarse á permanencia
Por Diego Espiño |
-
Luismi apúntase ao 'cholismo' para afrontar o último mes de competición
Por Diego Espiño |
-
A responsabilidade atenaza o Pontevedra fronte a un Guijuelo que perdoa (1-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Campións! O Pontevedra fai valer a renda e conquista a súa segunda Copa Federación ante Ontinyent (0-0)
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot |