Repartición de puntos entre Campo Lameiro e Marcón, vitoria do Grove e empates de Beluso e Sanxenxo
Por Redacción
O tramo final da tempada na Rexional Preferente preséntase apaixonante na loita por evitar as prazas de descenso e as de posibles arrastres.
Para eludilas deberán seguir pelexando tanto Campo Lameiro como Marcón Atlético tras o empate sen goles (0-0) entre ambos no duelo que lles enfrontaba na Chanciña.
Os dous equipos respectáronse e afanáronse primeiro en manter a súa porta a cero para tentar despois aproveitar algunhas das súas oportunidades, especialmente un Marcón que mantén así a distancia cun rival directo.
Os locais buscaron algo máis o ataque, pero non lograron ser incisivos e encadean a súa décima xornada sen gañar en liga. Con este resultado o Campo Lameiro segue décimo quinto con 33 puntos, mentres que os pontevedreses atópanse un posto por encima con 36.
Consulta a acta do Campo Lameiro-Marcón Atlético.
O Xuventú Sanxenxo empeza a afastarse irremediablemente da zona de ascenso despois de empatar a domicilio ante o Mondariz (2-2).
O certo é que puido ser peor, xa que o conxunto local tomou dous goles de vantaxe, cun primeiro tanto ao fío do descanso e outro ao comezo do segundo acto.
Os amarelos reaccionaron entón e tiraron de orgullo para igualar a contenda grazas a un penalti transformado por Aitor Gómez e a un gol de Adrián Freire no minuto 83. Quedaban 7 para o final e todo podía pasar, pero chegou a continuación a expulsión de Eloy e o Sanxenxo non puido completar a remontada.
Con este empate o equipo de Baltar de Arriba queda situado na sétima posición con 55 puntos.
Consulta a acta do Mondariz-Xuventú Sanxenxo.
Rompeu o seu mal momento o Unión Grove cun triunfo na casa ante o Alertanavia que mesmo puido ser máis amplo (2-1).
O equipo meco, nunha boa primeira metade, encarrilou o choque cos tantos de Dieguito e Martín.
O partido parecía controlado ata que os visitantes recortaron distancias a media hora do final, pero non foron capaces de poñer en perigo o triunfo local.
Os tres puntos deixan ao Unión Grove na oitava praza da táboa con 52 puntos.
Consulta a acta do Unión Grove-Alertanavia.
Rescatou un punto o Beluso na súa visita ao campo do Pontellas (1-1).
Os locais golpearon primeiro a 8 minutos do descanso aproveitando un lanzamento de penalti, pero os de Bueu non se resignaron e mantivéronse na pelexa para lograr o empate no minuto 78 de xogo por medio de Adrián Estévez.
O Beluso é noveno en Preferente con 47 puntos.