O Cisne roza a vitoria sobre o líder Alcobendas (29-29)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Pouco faltou para que a sorpresa fose completa. O Cisne rozou e mereceu a vitoria sobre o líder Alcobendas, pero tivo que conformarse cun valioso empate que lle achega un pouquiño máis á salvación matemática á vez que engade pementa á loita polo ascenso directo que buscan os madrileños.
Gran partido do equipo branco, que repetiu resultado con respecto á primeira volta e ao mesmo rival (en Alcobendas a igualada foi a 23 goles), pero se naquel entón foi Alcobendas quen empatou a falta de once segundos, nesta os de Jabato dispuxeron dunha última xogada de ataque, preparada tras un tempo morto, con 19 segundos para realizala, sen resultado positivo, ao blocar a defensa madrileña o lanzamento de Andrés Sánchez que significase a vitoria.
Foi un partido intenso e disputado, no que o Cisne levou a iniciativa a maior parte do tempo, con apenas breves instantes (unha soa vez no primeiro tempo e nos dez minutos finais) en que Alcobendas logrou adiantarse, aínda que as súas vantaxes sempre foron dun só gol, mentres os pontevedreses, que tampouco conseguiron despegarse nunca, tiveron unha máxima renda de tres goles, mediado o segundo tempo.
A primeira metade ofreceu un interesante duelo entre ambos os porteiros, cun Cisne que nesta ocasión deixou as súas habituais desconexións para un breve espazo de tempo nos últimos quince minutos de partido.
Ben dirixidos por Alberto Casares, a conexión con Dani Ramos no pivote funcionaba e a entrada no "sete" de Javi Vázquez solucionaba os problemas nos lanzamentos desde o extremo. Con curtas vantaxes locais, Alcobendas só puido poñerse por diante aos 25 minutos (11-12), pero o Cisne reaccionou para irse ao descanso cunha curta e xusta vantaxe (15-13).
A achega dos porteiros resentiuse nunha segunda parte eléctrica, como consecuencia lóxica dunhas defensas máis permeables. No Cisne Andrés Sánchez asumía a responsabilidade dos lanzamentos, mentres que Alcobendas encomendábase á efectividade de Manu Catalina, con Miguel Muñoz buscando os lanzamentos exteriores.
Os madrileños buscaban rápidas transicións, penalizando con goles rápidos o máis mínimo descoido do Cisne, deixando constancia da súa extraordinaria calidade como equipo, así como as excelentes individualidades que posúe. Pero esas poderosas armas non bastaban para dobregar a un Cisne con orgullo, que pareceu abrir brecha mediado este segundo tempo para subir o 24-21 ao marcador.
Cando parecía que o partido podía inclinarse ao lado local, Alcobendas subiu o ritmo, aproveitando certo cansazo do Cisne, e en pouco máis de cinco minutos conseguiu un parcial de 1-5, para poñerse con vantaxe mínima (25-26) con nove minutos por diante que foron intensos e vibrantes.
Andrés Sánchez, Alberto Casares e de novo Andrés Sánchez, restablecían a igualdade cada vez que Alcobendas marcaba, chegando co 29-29 ao último minuto, no que puido pasar de todo. Primeiro Alcobendas perdeu o balón, pero o Cisne bloqueouse e os colexiados sancionáronlle con xogo pasivo. Quedaba menos dun minuto. Os madrileños pediron tempo morto e Pablo Galán apareceu para deter o lanzamento en seis metros de De La Rubia dando a última posesión aos seus.
Eran 19 segundos. Jabato tamén parou o crono para preparar esa última xogada, pero Alcobendas defendeu ben e conseguiu blocar o último lanzamento de Andrés Sánchez, mantendo o empate.
BM CISNE (29): Pablo Galán; Alberto Casares (6, 2 de penalti), Andrés Sánchez (7), Alejandro Pombo (1), Pablo Gayoso (1), Dani Tolmos (1), Dani Ramos (5) -sete inicial-, Juanjo Novás (p.s.); Ígor Tenorio, Linhares (2), Miguel Simón, Javi Vázquez (5), Carlos Pombo (1) e Alejandro Conde.
BM ALCOBENDAS (29): Manolo Rodríguez; Santi López (4), Alfonso de la Rubia (4), Miguel Muñoz (4), José Antonio Jiménez (2), Martí Viloria (1), Asier Nieto (2) -sete inicial-, Adrián Torres (p.s.); Manu Catalina (8, 3 de penalti), Alberto López (1), Gonzalo Velasco (1), Nacho Gimeno (1), Toni (1) e Santiago Echevarría.
Árbitros: Víctor Rollán Martín e Luís Colmenero Guillén (Castela-León). Excluíron dous minutos a Andrés Sánchez (2), Miguel Simón e Pablo Gayoso, no Cisne, e a Manu Catalina e José Antonio Jiménez (2), no Alcobendas.
MARCADOR (cada cinco minutos): 2-1, 5-3, 6-5, 9-8, 11-11, 15-13 (descanso), 18-16, 21-18, 23-21, 25-25, 27-28 e 29-29 (final).
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Uns 250 espectadores.
Relacionadas:
-
Triunfo sen brillo do Cisne sobre BM Madrid (30-24) para asegurar a permanencia
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot |
-
A necesidade do Villa de Aranda supera ao Cisne nos últimos minutos (26-21)
Por Redacción |
-
Quince minutos de seca cústanlle a derrota ao Cisne en Palma del Río (24-21)
Por Redacción |
-
Remontada do Cisne sobre Torrelavega (29-28) co xuvenil Dani Fernández como protagonista
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |