O Waterpolo Santiago derrota o Galaico (9-7) e forza o terceiro partido na final da Liga Galega
Por Redacción
O Club Waterpolo Galaico Pontevedra non conseguiu vencer ao CW Santiago no segundo partido da final polo título na 1ª División Galega disputado na piscina compostelá de Santa Isabel.
Nun partido igualado os locais leváronse a vitoria (9-7) empatando a eliminatoria e forzando o terceiro e definitivo partido que tamén se disputará en Santiago, o próximo sábado 18 de maio.
O choque comezou mal para os pontevedreses, que se viron cun 2-0 aos cinco minutos, pero souberon anular a vantaxe mantendo a igualdade ata que o equipo compostelán abriu brecha, chegando ao último período con vantaxe (7-5).
A pesar de que o Galaico intentou meterse de novo no partido unha inferioridade numérica foi aproveitada polo Santiago para sentenciar o encontro e pospoñer o sono dos lerezanos de alzarse por primeira vez co título de liga da súa categoría.