Os clubs náuticos da provincia seguirán contando con medio millón de euros da Deputación
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a liña de subvencións destinadas aos clubs náuticos da provincia, e que seguirán contando con medio millón de euros á súa disposición.
Estas achegas, ás que os clubs poden optar por concorrencia competitiva, teñen por obxectivo apoiar ás entidades que participan en ligas e competicións oficiais provinciais, autonómicas ou nacionais convocadas por federacións deportivas galegas ou nacionais para subvencionar gastos de carácter corrente ou de adquisición de materiais durante a presente tempada.
O medio millón de euros desta convocatoria distribúense en 270.000 euros para clubs deportivos de piragüismo, 150.000 para aqueles centrados no remo e 80.000 euros para os que se dedican á vela.
As bases aprobadas valorarán desde o número de licenzas federativas ata o ámbito de competición do club, a memoria técnica-deportiva, o número de equipos participantes por categoría, os clubs que compiten con licenzas masculinas e femininas, os que compiten con licenzas de deporte adaptado e o orzamento de gastos do club, entre outras cuestións.
Todos os clubs interesados en beneficiarse da convocatoria terán de prazo ata o día 18 de maio para presentar a súa solicitude.