O Waterpolo Pontevedra, campión de copa
Por Redacción
O Club Waterpolo Pontevedra conseguiu o pasado sábado 7 de abril o título de Campión da Copa Galega Absoluta Masculina, despois de impoñerse na competición celebrada na piscina ourensá de Rosario Dueñas, coa organización da Federación Galega de Natación e o CW Pabellón Ourense, e a participación de 6 clubs galegos.
O conxunto pontevedrés clasificouse directamente para as semifinais, onde se cruzou co CN Coruña. O choque non empezou ben, pero conseguiron neutralizar o 0-2 inicial antes do final do terceiro cuarto e ao descanso xa vencían por 6 golea a 5. No terceiro parcial chegaría a sentencia dos pupilos de Javi de Sáa cun 4-0 finalizando o partido cun 14-8.
Xa na final o rival era CW Santiago, ao que tamén se enfrontará na final da Liga Galega que está a piques de comezar. Os pontevedreses comezaron a bo nivel e cun bo traballo gañaban o primeiro cuarto 0-2. O acerto continuaba durante o segundo cuarto, ampliando a vantaxe para o 2-5 a metade de partido. A diferenza de ocasións anteriores, o terceiro cuarto serviu para certificar a melloría do equipo pontevedrés e seguir ampliando a vantaxe, chegando con 4-9 ao último cuarto. A experiencia dos últimos partidos serviu para que o equipo xogase con tranquilidade e lograse unha vitoria final por 8-11.
Este triunfo supón o seu cuarto título de Copa Galega Absoluta Masculina e ademais un golpe de moral de fronte ao play-off final polo título de Liga Galega Absoluta que comezará o vindeiro sábado 14 de abril ao mellor de 3 partidos.
Relacionadas:
-
O Waterpolo Pontevedra reconquista nos penaltis o título da Liga Galega
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra falla na súa primeira oportunidade de sentenciar o título de liga
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra toma vantaxe na final polo título galego
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra métese na final da Liga Galega tras un ano de ausencia
Por Redacción |