Medalla de prata para Bea Gómez nos 200 estilos do Campionato de España Open
Por Redacción
O Campionato de España Absoluto Open de Primavera que se está disputando en Málaga deixou na súa cuarta xornada de competición unha grata noticia para a natación pontevedresa.
Bea Gómez Cortés logrou subir ao podio na proba dos 200 estilos conseguindo a medalla de prata nun emocionante final.
Sen poder achegarse á campioa olímpica Mireia Belmonte (2:11.31), todo parecía aberto a priori para tentar loitar no podio co resto de finalistas, e así foi. A pontevedresa foi segunda a pesar de non mellorar o seu rexistro das semifinais e parar o crono en 2:18.34 (nadou en 2:16.68 en semifinais). Só 23 centésimas por detrás chegou Esther Huete (2:18.34) mentres que cuarta quedou Cristina Mardones (2:18.87).
Un resultado que debe supoñer un empuxón de moral para Bea Gómez, que tras uns anos complicados debido a problemas físicos, tenta recuperar o seu mellor nivel nas filas do CN Sabadell.
Este martes tamén competiu Águeda Cons, que o luns se deu de baixa no 1.500 libre, e logrou impoñerse na final B dos 200 libre cunha marca de 2:02.63. Ademais Clara Otero nadou en 27.79 segundos nas eliminatorias do 50 libre.