Notables resultados para o piragüismo pontevedrés na Copa de España en Avilés
Por Redacción
A primeira Copa de España Sprint Olímpico da tempada, segunda competición da Liga Hernando Calleja, que se disputou no encoro de Trasona (Avilés) tivo acento pontevedrés cos notables resultados de padexeiros da comarca.
O bo nivel dos equipos pontevedreses demóstrase na clasificación xeral, logrando a EP Ciudad de Pontevedra o terceiro posto na categoría feminina sénior, co Breogán oitavo. Pola súa banda na categoría absoluta masculina, aínda que sen podio, o Breogán foi cuarto, o Naval de Pontevedra quinto, o Piragüismo Poio sexto e Illa de Arousa oitavo.
A clasificación xeral por equipos gañouna o Club Piragüismo Aranjuez con 1175 puntos, mentres que o Náutico Sevilla logrou 705 puntos e o Kayak Tudense 660 puntos.
A estes éxitos por equipos hai que sumarlle as medallas a nivel individual, empezando polo triplete na final de C-1 1.000 metros cun ouro para Adrián Sieiro (Piragüismo Poio), prata para Diego Romro (Breogán) e bronce para Sergio Vallejo (Piragüismo Poio).
En canoa individual, pero xuvenil, foi dobre o premio para Manuel Fontán (O Muíño) ao levar o ouro e a clasificación para o Campionato do Mundo da categoría, que se celebrará no verán na cidade búlgara de Plovdiv, xa que a Copa de España servía á súa vez de selectivo para o equipo nacional.
En canto ás probas individuais femininas Antía Jácome (Cidade de Pontevedra) fíxose co bronce absoluto, mentres que María de la Peña (Ciudad de Pontevedra) foi ouro xuvenil por diante de María Pérez (O Muíño). Ademais en kaiak Raquel Torres (Piragüismo Verducido) logrou a terceira posición.
Non quedou en menos as probas de embarcacións dobres, nas que Adrían Sierio e Sergio Vallejo (Piragüismo Poio Pescamar) venceron na canoa superando a Noel Domínguez e Diego Romero (Breogán), do mesmo xeito que Jenifer Casal e Antía Jácome (Ciudad de Pontevedra), e en idade xuvenil María de la Peña e Sara Abilleira (Ciudad de Pontevedra) venceron con autoridade no C-2.
Por último na final do K-4 o Naval de Pontevedra foi segundo e os seus compañeiros do C-4 lograron a medalla de bronce. O botín pontevedrés completárono na modalidade de paracanoe María del Mar Naveiro (Breogán) e Juan Rodríguez (Illa de Arousa).
Relacionadas:
-
A EP Ciudad de Pontevedra, segunda no medalleiro do Nacional de Novas Promesas
Por Redacción |
-
Dominio local no Galego de Novas Promesas celebrado no Lérez
Por Redacción |
-
Federación Galega e o Club Verducido deixan atrás diferenzas e únense para promocionar o piragüismo
Por Redacción |
-
O piragüismo pontevedrés exhibe o seu poderío no Campionato de España de Inverno
Por Redacción |