Correctivo para o Poio Pescamar en Murcia (4-1)
Por Redacción
Non puido celebrar cunha vitoria na liga o Poio Pescamar o seu recente título de Copa Galicia, ao caer derrotado con claridade este sábado na pista do Jimbee Roldán (4-1).
O conxunto murciano demostrou o porqué da súa boa clasificación na táboa, pelexando polo liderado, e dominou o xogo desde o inicio grazas á súa mobilidade na parte alta da cancha.
O Poio defendíase con criterio e tentaba saír ao contragolpe pero sen acerto. Era un duelo intenso que non comezou a decantarse ata o minuto 12 de xogo, no que Vanessa Pereira roubou un balón e superou a Silvia cun forte disparo para facer o primeiro gol do encontro.
Coas locais en 5 faltas, as xogadoras adestradas por Marcio Santos adiantaron liñas en busca da igualada sen premio. Si puido anotar o Roldán nun dobre penalti detido por Silvia, pero a gardameta pontevedresa non podería facer nada xusto antes do descanso para deter o 2-0 de Mayte Mateo nun remate ao segundo pau.
A segunda metade iniciouse accidentada por culpa de pingueiras no pavillón, e aos 4 minutos da continuación Mayte Mateo encarrilaba o encontro co terceiro superando a Silvia nun remate de cabeza.
A situación era delicada para o Poio Pescamar, e Marcio optaba polo xogo de cinco a 11 minutos da conclusión. Con todo o que chegaría sería o cuarto das murcianas por medio de Vanessa Pereira. Pese ao resultado as vermellas seguiron insistindo e xa no último minuto maquillaron o marcador cun gol de Jenny Lores nunha boa combinación de ataque.
A pesar deste resultado o Poio Pescamar mantense na sétima praza da clasificación con 36 puntos.
JIMBEE ROLDÁN (4): Ana Etayo, Vanesa Pereira, Consuelo, Mayte Mateo, Ángela -cinco inicial- Bet, Mirian, Inma Sojo, Alba Gandía, Clara, Coke.
POIO PESCAMAR (1): Silvia, Jenny Lores, Ceci, Ale de Paz, Iria -cinco inicial- Daniella, Delise, Carol, Alejandra, Mónica.
Árbitros: Alejandro Martínez e Antonio Navarro. Amoestaron a Consuelo e Alba Gandía no Roldán e a Delise e Jenny Lores no Poio Pescamar.
Goles: 1-0 Vanessa Pereira (min.12), 2-0 Mayte Mateo (min.20), 3-0 Mayte Mateo (min.24), 4-0 Vanessa Pereira (min.32), 4-1 Jenny Lores (min.40).
Incidencias: Partido da Primera División de Fútbol Sala disputado no Pabellón Municipal Gabriel Pérez de Roldán, Murcia.
Relacionadas:
-
Chihiro Tanaka, un mes de proba co Poio Pescamar
Por Redacción |
-
Vitoria do Poio Pescamar ante o Leganés para achegarse á Copa (5-3)
Por Redacción |
-
Recepción municipal ao Poio Pescamar polo seu segundo título de Copa Galicia
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Un gol de Jenny Lores sobre a bucina dálle ao Poio Pescamar a súa segunda Copa Galicia
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Poio Pescamar estrélase coa porteira de Ourense Envialia (1-2)
Por Redacción |
-
Traballado triunfo do Poio Pescamar sobre Soto del Real (4-1)
Por Redacción & Diego Torrado |