Gran partido do Pontevedra que vence con xustiza ao campión Rácing de Ferrol (2-0) e mantén as súas opcións
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
O fútbol depende de moitos factores. A calidade dos protagonistas adoita ser decisiva, pero esa calidade poucas veces abonda se a ela non se lle unen outros ingredientes como a intensidade, pouta, loita, forza e concentración en cada acción dun partido. Todo iso e máis púxoo o Pontevedra sobre o cesped de Pasarón nunha final na que poucos apostaban de antemán polos granates.
Chegaba o líder e intratable campión anticipado de Liga. O Rácing de Ferrol que zorregara aos de Milo Abelleira no partido da primeira volta en A Malata. Ninguén pensaba nin por asomo nunha revancha deportiva, senón unicamente en gañar para seguir con opcións de dar alcance a Compostela e Deportivo B na loita polos postos de play-off.
Non fallaron os rivais, pero tampouco o fixo un Pontevedra enorme, que soubo afrontar o partido consciente da importancia dos puntos, anulando as virtudes, moitas, do rival e conseguindo tres puntos máis que merecidos que polo menos lle permiten manter opcións, aínda que cunha xornada menos por diante.
E que ninguén pense que o Rácing veu a xogar relaxado, ou que regalase absolutamente nada. ÿ verdade que quizais lle faltou algo de intensidade para evitar erros que lle custaron moi caros, como o que deu orixe ao primeiro gol do partido, pero tamén o é que moitos deses erros viñeron propiciados pola forte presión exercida polos de Milo Abelleira en cada canto do campo.
Pero o que ninguén se esperaba é que o partido comezase de forma tan trepidante, ata o punto de que só transcorreran 30 segundos dende o asubío inicial e o Pontevedra xa puidera marcar, tras un roubo de balón de Richi que deixa a Santi Domínguez só na área, pero o dianteiro en lugar de tirar quixo recortar a Marcos Valin dando tempo á defensa a taponar o seu disparo.
Tocaba a rebato dende o inicio. Cada ocasión dun era contestada inmediatamente polo rival. Coas dúas defensas adiantadas, ambos os dous equipos intentaban buscar as costas dos centrais. Pablo Rey, nunha boa contra, tivo a primeira para os visitantes, pero o seu disparo saíu moi desviado. A resposta deuna Moisés, ao rematar alto un corner ensaiado dende a frontal da área.
A máis clara para o Rácing tívoa Manu Barreiro, pero o seu remate de cabeza marcharía por enriba do longueiro. Quenda para Santi Domínguez, que remata dentro da área, pero con pouca colocación e Marcos Valin atrapa.
Tan só discorreran 19 minutos e pasara todo iso. Moito máis que en bastantes partidos completos. Era hora dun respiro, pero sempre sen baixar a concentración e o que o fixo o pagou caro.
Ao fío da media hora Lloves sacou en longo, intentando sorprender. Iván Forte confiouse na cesión ao porteiro. A pelota quedouse curta e por alí andaba Richi, incansable, que se anticipou, salvo a saída desesperada do meta ferrolano, e case sen ángulo empurrou porta baleira.
O gol deu confianza aos granates, que se creceron e puideron facer o segundo cinco minutos máis tarde, nunha gran volea de David Pérez á que respondeu Marcos Valin cunha sensacional parada, mandando o coiro a corner. A desgracia para o centrocampista granate, que estaba a realizar un magnífico partido, é que na acción sufriu unha picada na cara posterior da coxa esquerda e tivo que abandonar o terreo, lesionado.
Tocaba recompoñer liñas. Entrou Yago Vázquez no centro da defensa para que Caco adiantase a súa posición ao mediocentro, pasando Jacobo á banda esquerda. Os granates non acusaron o cambio e seguiron firmes. O Rácing tiña máis o balón, pero chegaba con menos perigo.
Os comezos do segundo tempo foron para os de José Manuel Aira, que saíron envorcados encerrando o Pontevedra na súa parcela. Non obstante, aínda que as chegadas á área eran constantes, alí morrían, ben estrelándose contra a firma defensa granate, ou ben porque os remates se ían directamente á bancada.
E o Pontevedra volveu estirarse. Primeiro timidamente, logo con máis decisión. Lendo perfectamente o partido. Impoñendo o ritmo que lles conviña en cada caso. O primeiro aviso serio deuno Santi Domínguez, cun gran disparo á media volta ao que respondeu de forma tamén espectacular o meta Marcos Valin, evitando o segundo gol.
Os depósitos dalgúns ían quedando ao límite, como consecuencia lóxica do tremendo esforzo realizado. Milo dá entrado a Buba por un esgotado e inmenso Richi, e Buba precisamente tivo nas súas botas a sentenza anticipada, no minuto 74, nunha xogada parecida á do primeiro gol, cando Iván Forte cede defectuosamente atrás e o dianteiro se anticipa rematando frouxo ante Marcos Valin, que logra atrapar.
Coas bancadas vibrando e empurrando ao equipo, Yago Vázquez tivo na súa cabeza a posibilidade de levar a tranquilidade cando a falta de sete minutos remata un corner, pero Rubén Comesaña salva baixo paus, co porteiro batido, un balón que se coaba.
Sería o anticipo do gol definitivo. Un auténtico golazo para poñer a rúbrica a un fenomenal partido. Había temor polo curto do marcador, pero no minuto 87 unha falta a uns 27 metros de porta fai que Pasarón estale cando Santi Domínguez, cunha rosca perfecta, salva a barreira e pon o balón na mesma escuadra, facendo imposible a estirada de Marcos Valin. Merecérao o Pontevedra. Fronte a un grande equipo, xusto campión, os granates decidiron que se hai que renderse non o farán sen loitar ata a última xornada.
PONTEVEDRA, C.F. (2): Lloves (2); Cristóbal Juncal (2), Caco (2), Pablo (3), Adrián (3); Tubo (2), Moisés (2), Jacobo (2), David Pérez (2); Richi (3) e Santi Domínguez (3).
Sustitucions: Yago Vázquez (2) por David Pérez, minuto 39. Buba (2) por Richi, minuto 68. Iago Paz (s.c.) por Jacobo, minuto 91.
RÁCING DE FERROL (0): Marcos Valin (3); Jesús (2), Iván Forte (0), Pérez (1), Sergio (2); Marcos Álvarez (1), Dani Rodríguez (1), Iago Iglesias (2), Pablo Rey (2); Manu Barreiro (2) e Jorge Rodríguez (1).
Sustitucions: Héber (1) por Jorge Rodríguez, minuto 59. Chicho (1) por Iago Iglesias, minuto 78. Rubén Comesaña (1) por Sergio, minuto 78.
Árbitro: Breogán Martínez Vila (Ourense), auxiliado nas bandas por ÿscar López Iglesias e José Fernández Rodríguez. Amoestou a Pablo, Caco, Tubo, Buba, Pablo Rey, Manu Barreiro e Xesús.
Goles: (1-0) Minuto 30: Saque longo de Lloves que Iván Forte intenta ceder a Marcos Valin, pero Richi se anticipa, salva a saída do porteiro e marca con pouco ángulo a porta baleira. (2-0) Minuto 87: Libre directo na frontal da área, a uns 27 metros de portaría, que lanza Santi Domínguez salvando a barreira e coando o balón pola escuadra.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 2.800 espectadores.
VESTIARIOS:
JOSÿ MANUEL AIRA:
José Manuel Aira: "A superioridade temos que demostrala no campo e non o fixemos. O equipo non tivo a concentración necesaria"
Non lle gustara ao técnico ferrolano o xogo e os fallos que ao seu xuízo cometeu o seu equipo: "A superioridade temos que demostrala onde hai que facelo, no campo, e nós hoxe nos custou moito entrar no partido, dende o principio, proba diso son as numerosas perdas de balón que tivemos, a de veces que caemos en fóra de xogo, e iso xa che indica un pouco que o equipo a nivel de concentración ou do que require un partido de fútbol para poder competir non estaba ao cen por cen, ou ao nivel doutros partidos. Sabiamos que despois de conseguir o título hai varias xornadas isto podía pasar nalgún partido. Hoxe era un día que non nos tivese gustado que nos pasase, polo escenario, un partido televisado, gustaríanos ter competido mellor e ter estado máis preto de poñerlle as cousas máis difíciles ao Pontevedra".
"De nada serve se tes o balón pero non es capaz de facerlle dano ao rival, e hoxe equivocámonos moito, no inicio do xogo, na zona de medio campo, perdemos balóns que outros días tes claridade para xogalos ben, pero hoxe só soubemos facelo dous ou tres veces na primeira parte. Na segunda o xogo converteuse en moita disputa e aí xa nos custou máis. A cabeza do futbolista, cando ve que non lle saen as cousas, perde confianza, mentres que o rival, que se xoga moito gana máis intensidade na disputa e por aí se nos foi o partido,".
MILO ABELLEIRA:
Satisfacción no adestrador granate por superar un dificilísimo rival: "Era o que queriamos todos. Vencemos a un grande equipo. Non fomos capaces de marcar nos primeiros minutos nalgunhas ocasións claras que tivemos, pero logo tamén eles tiveron algunha, pero nós seguimos traballando igual, marcamos e a pena foi a que tivo David e que lle custou a lesión que espero non sexa importante. ÿ verdade que na segunda parte lles controlamos mellor e puidemos marcar antes. Quedo con que o equipo traballou moito e ben".
"Hoxe os balóns divididos foron nosos porque, como é lóxico, o que tiña que actuar con máis intensidade, con máis agresividade polo que nos xogabamos era o Pontevedra, e aí si que creo que lles gañamos ben, e no resultado tamén. Seguiremos pelexando a ver se algún dos rivais ceden. A nosa obriga é ir a Villalonga a gañar e logo facelo na casa para chegar a Coruña con opcións".