A Liga Galega de Kaiak Polo estreou tempada en Verducido
Por Redacción
O kaiak polo autonómico viviu o domingo 1 de abril a súa estrea de tempada no encoro de Pontillón do Castro, en Verducido.
Alí celebrouse a primeira xornada da Liga Galega da especialidade, na que se deron cita ata oito clubs da comunidade.
Tras a disputa da fase de grupos, o cadro da fase final quixo que se enfrontasen o Náutico Rodeira contra o Penedo na primeira semifinal, sendo o enfrontamento entre o Copacabana e o Náutico Umia o outro encontro que daba acceso á final. O primeiro partido leváronllo os de Cangas ao gañar por un contundente 12-2. Na segunda eliminatoria o conxunto ferrolán gañaba por un axustado 5-3.
Xa pola tarde disputáronse os últimos partidos, resultando vencedor o Copacabana, co Náutico Rodeira na segunda posición e o Náutico Umia na terceira.
Ademais o Piragüismo Penedo foi o vencedor na categoría feminina e o Rodeira impúxose na categoría sub-21.