Cada punto conta para o Mapfre
Por Redacción
Un punto máis ou menos pode resultar decisivo ao final da competición e sábeo ben o Mapfre, que non se deu por vencido a pesar das adversidades que tivo que afrontar na sétima etapa da Volvo Ocean Race.
Era considerada como a etapa raíña da competición oceánica e estao demostrando, con condicións extremas que levaron ao límite aos equipos participantes, non só á embarcación do Real Club Náutico de Sanxenxo.
A desaparición en alta mar dun tripulante do Team Sun Hung Kai Scallywag foi un duro golpe para toda a familia da Volta ao Mundo a Vela, ao que se sumaron nesta etapa entre Auckland e Itajaí (Brasil) os problemas do Mapfre e tamén o Team Vestas.
Os españois víronse obrigados a realizar unha parada en terra para acometer unha reparación de urxencia, tras os danos sufridos días atrás no carril da vela maior que se viron agravados xa próximos ao Cabo de Fornos. Foron 12 horas de traballo contrarreloxo en terra que serviron para liquidar parte da avaría e lanzarse de novo ao mar conscientes de que acabar a etapa pode ser moi importante para a loita polo título final, tendo en conta que se trata dunha etapa que puntúa dobre.
Esa sensación confirmouse pouco despois cando o Team Vestas rompeu o mástil da súa embarcación cando marchaba terceiro, tendo que desviarse a terra firme ás Malvinas. Esta situación colocou ao Mapfre en quinta posición provisional no parte de posicións feito público ás 14:00 horas deste sábado 31 de marzo, a 203,9 millas de distancia co líder, o Team Brunel.
O equipo holandés protagoniza unha dura pugna na cabeza co Dongfeng chinés, ao que avantaxaba en só 2,8 millas. O Dongfeng ademais é o segundo actualmente na clasificación xeral tras o desafío español. Terceiro na etapa marcha o Team AkzoNobel a 55,8 millas náuticas e cuarto o Turn The Tide on Plastic a 142 millas, cando restaban 1.250 para chegar ao porto de Itajaí, punto de chegada.
A pesar de deixar o Océano Sur e estar de novo no Atlántico, a frota da Volvo Ocean Race deberá afrontar aínda complicadas condicións de navegación debido ás malas previsións meteorolóxicas dos próximos días.
Relacionadas:
-
Ao Mapfre séguenlle saíndo as contas para pelexar pola vitoria na Volvo Ocean Race
Por Redacción |
-
O Mapfre, ante o máis difícil aínda ao navegar con danos en metade da etapa raíña
Por Redacción |
-
O Mapfre colócase primeiro na etapa raíña da Volvo Ocean Race
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen e o Mapfre, listos para a etapa raíña da Volvo Ocean Race
Por Redacción |
-
O Mapfre, máis líder da Volvo Ocean Race tras o apertado final da sexta etapa
Por Redacción |