O Pontevedra repite promocións para o choque do Xoves Santo ante o Talavera
Por Redacción
Saben no Pontevedra que o equipo xa non pode fallar máis se non quere verse descolgado na pelexa pola permanencia, e para conseguilo toda axuda é pouca.
Por ese motivo o Consello de Administración do club granate decidiu, por segundo partido consecutivo na casa, fixar prezos populares e habilitar promocións co obxectivo de facilitar a asistencia ao Estadio Municipal de Pasarón.
O Pontevedra repite así a campaña "Se ti vés... Gañamos!" estreada ante a Ponferradina para a xornada de liga que disputarán o vindeiro xoves 29 de marzo ante o Talavera (17:00 horas), con prezos que foron fixados en 10 euros para a bancada de Tribuna e de 5 euros para o caso de Preferencia e os fondos, mentres que os menores de idade contarán con acceso de balde.
Ademais, e neste caso só ata o mércores nas oficinas de Pasarón (9:00 a 14:00 e 16:00 a 19:00 horas), os abonados do Pontevedra poderán retirar unha invitación, nunha promoción que será de novo válida exclusivamente para a bancada de Preferencia.
O propio Xoves Santo o despacho de billetes do estadio abrirán ao público a partir das 15:30 horas.
JIMMY REGRESA AO GRUPO
No deportivo a semana trae consigo a recuperación de Jimmy. O lateral, que a finais da semana pasada empezou a reengancharse á dinámica do traballo en grupo, está ao fin a disposición de Luismi superada a lesión que lle tivo apartado dos terreos de xogo nas últimas datas. Ademais o técnico recupera esta semana a Jorge Hernández cumprida a súa sanción dun encontro. Si causará baixa ante o Talavera Nacho López recuperándose aínda dunha doenza muscular.
Relacionadas:
-
Goleada para a esperanza do Pontevedra sobre o Talavera (4-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Pontevedra recibe o Talavera sen máis marxe para o erro: "Ya no podemos fallar"
Por Diego Espiño |
-
Bo partido sen premio dun Pontevedra que esgota "vidas" ao perder co Fabril (1-0)
Por Ramiro Espiño |