A Epic Race de BTT, ante o desafío de converterse en "unha das mellores probas de España"
A segunda edición da Epic Race Pontevedra de ciclismo BTT promete "paixón, diversión, emoción e sufrimento", asegura Josevi Cimadevila, responsable da organización, a cargo da empresa Global DxT.
A proba deportiva, que se disputará do 6 ao 8 de abril por diferentes municipios da provincia, foi presentada oficialmente este luns na sede da Deputación de Pontevedra, principal patrocinador do evento.
"Queremos que a Epic Race se convirta nunha das mellores probas de España, e imos camiño diso", sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva.
Ingredientes non lle faltan, e é que os participantes deberán completar nun máximo de 51 horas e sen parar 550 quilómetros superando 14.550 metros de desnivel acumulado positivo, ou na súa versión curta 280 quilómetros con 7.500 metros de desnivel acumulado nun máximo de 25 horas.
A inscrición para a Epic Race incrementouse considerablemente con respecto á primeira edición e conta xa con 160 deportistas confirmados, dos cales case medio cento afrontarán o reto en solitario (24 na opción curta e 23 na longa).
Unha carreira en formato 'Non Stop' que supón unha gran complexidade organizativa ao involucrar a diferentes municipios e a multitude de comunidades de montes en cada unha das súas oito etapas, coa novidade de que este ano os ciclistas chegarán a Portugal, concretamente a Valença.
Así a etapa 1 discorrerá entre Pontevedra e Moraña, a segunda chegará a Vila de Cruces, a terceira a Forcarei, a cuarta pasará de novo por Pontevedra, a quinta chegará a Redondela, a sexta a Valença, a sétima á Lama e a última concluirá de novo na capital provincial.