Quince minutos de seca cústanlle a derrota ao Cisne en Palma del Río (24-21)
Por Redacción
O do Cisne non ten arranxo. De novo unha das súas habituais desconexións, que nesta ocasión durou máis de quince minutos nos que foi incapaz de marcar un gol, fíxolle encaixar un duro parcial de 6-0 e entregar un partido ata entón equilibrado na súa visita a Palma del Río.
Chegaban ao partido con máis necesidade os cordobeses, nunha situación complicada na táboa para evitar o descenso, e atopáronse a un Cisne que deu a cara durante todo o primeiro tempo, no que mesmo foi por diante durante bastantes minutos, mantendo unha mínima renda ata o minuto 37 (15-16) cando Alberto Casares lograba o que sería último gol dos galegos ata superado o minuto 52. Fíxoo Dani Tolmos, pero para entón o marcador reflectía xa un 21-17, que os locais mantiveron con serenidade para quedar con dous puntos vitais para eles.
Como queda reflectido, o Cisne mandou boa parte do primeiro período, aínda que a súa renda nunca puido superar os dous goles, neutralizada polos cordobeses, para irse ao descanso co marcador nivelado (13-13).
A igualdade mantívose na continuación ata ese xa citado 15-16, cando o Cisne entrou en "encefalograma plano" no aspecto ofensivo e Palma del Río conseguiu un parcial de 6-0 que poñía o partido moi favorable para os andaluces.
Cando quixo reaccionar o Cisne xa era tarde e unicamente puido maquillar o resultado con tres goles consecutivos nos últimos cinco minutos, ata deixar o marcador final nese 24-21, que reflicte claramente os problemas ofensivos dos brancos e que polo menos salva o golaverage parcial.
Consulta as estatísticas do partido entre Palma del Río e Cisne na web da Real Federación Española de Balonmán.
Relacionadas:
-
A necesidade do Villa de Aranda supera ao Cisne nos últimos minutos (26-21)
Por Redacción |
-
O Cisne roza a vitoria sobre o líder Alcobendas (29-29)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Remontada do Cisne sobre Torrelavega (29-28) co xuvenil Dani Fernández como protagonista
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Cisne endereita o rumbo remontando e vencendo en Lanzarote (23-25)
Por Redacción |
-
Los Dólmenes Antequera aproveita os erros do Cisne noutro final con suspense (29-30)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |