O Teucro sucumbe tras o descanso ante o ritmo e a efectividade de Ademar (24-32)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Demasiado Ademar para un fatigado Teucro. O conxunto pontevedrés aguantou a bo nivel os primeiros 30 minutos de xogo plantando cara ao actual segundo clasificado da Liga Asobal, pero terminou sucumbindo tras o descanso de maneira clara (24-32).
A noite presentouse con sopresa na convocatoria teucrista, á que volvía o capitán Carlos García tras un longo período de convalecencia por lesión. Facíao adiantando a data prevista ante a ausencia de Iván Fernández no extremo.
Xa na pista o partido iniciouse cun intercambio de goles ao que respondía o Teucro, sempre en mínima desvantaxe, con acerto especialmente da primeira liña, mentres que o Ademar, cun xogo fluído, facía especial dano por medio de Costoya. Así transcorreu o primeiro cuarto do choque ata que tras unha acción fallada por Dani Hernández en ataque Jaime Fernández puxo aos seus dous arriba. Era o minuto 16 de xogo e Quique Domínguez pedía tempo morto.
Os leoneses ampliaron a súa vantaxe a tres tantos, pero os azuis recuperaron o ton e axudados por un Lloria que encadeou varias boas intervencións en portería, incluídos dous lanzamentos de 7 metros parados, volveron apertar o marcador ata o gol de Juan Quintas sobre a bucina do descanso que poñía o empate 13 goles.
Aguantaban os locais o empuxe e poderío de Ademar cunha intensa defensa e o seu carácter habitual, pero todo cambiou tras o paso por vestiarios. Os de Rafa Guijosa puxeron unha marcha máis e cun parcial de 0-3 empezaban a marcar diferenzas. As axudas defensivas chegaban décimas de segundos máis lentas, e o ataque visitante circulaba con maior rapidez e precisión. Todo iso unido á prodixiosa actuación en portería de Vladimir Cupara.
O gardameta dos leoneses terminou despesperando aos xogadores teucristas, que a pesar de tentar sobrepoñerse e volver engancharse ao partido víanse fallando accións claras mentres que o seu rival non perdoaba. Nin os lanzamentos de sete metros solucionaban o papel, e tras dous fallos consecutivos nesta especialidade por parte de Carlos García e Borja Méndez o Ademar terminou de romper o choque (16-23) con algo máis de 15 minutos por xogarse.
A renda chegou a ser de nove goles, polo que o bloque visitante limitouse desde entón a controlar o tempo cara a un triunfo que resultou máis cómodo do esperado.
SD TEUCRO (24): Lloria, Borja Méndez (3), Balázquez (3), Samu Gómez (4), Dani Hernández (4), Ángel Iglesias, Gehrhard (1) -siete inicial- Medina, Juan Quintas (4), Moyano (3), De Castro, Carlos García (2, 1p), Edu Moledo, Samuel Pereiro, Santana.
ADEMAR LEÓN (32): Cupara, Mario López (4), Gonzalo Matías, Federico Matías (5), Jaime Fernández (2), Pesic (3), Costoya (9) -siete inicial- Simonet (1), Vejin, Juanín García (2, 1p), Rodrigo Pérez (2), Diego Piñeiro (3), David Fernández, Marques, Gonzalo Pérez (1), Biosca.
Árbitros: Ballano Dueñas e Rodríguez Rodríguez. Excluíron a Edu Moledo, Balázquez, Ángel Iglesias e De Castro no Teucro e a Gonzalo Pérez no Ademar.
Marcador cada cinco minutos: 2-3, 4-4, 7-7, 9-11, 11-12, 13-13, descanso, 14-17, 15-20, 16-24, 19-27, 21-30, 24-32.
Incidencias: Partido da xornada 23 da Liga Asobal disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante uns 600 espectadores.
Relacionadas:
-
Dificultade "máxima" para o Teucro ante o BM Logroño
Por Diego Espiño |
-
Enorme vitoria do Teucro en Benidorm (28-29) para certificar virtualmente a permanencia
Por Redacción |
-
Viaxe a Benidorm para un Teucro con ganas de volver sumar
Por Diego Espiño |
-
Un Ademar en plena xeira positiva, rival de altura para o Teucro no Municipal
Por Diego Espiño |
-
O cansazo pasa factura ao Teucro en Puente Genil (25-21)
Por Redacción |
-
O Teucro roza a proeza pero queda eliminado na prórroga ante Guadalajara (33-34)
Por Redacción |