Támara Echegoyen e o seu 'Xiquitas Team', Premio Nacional do Deporte como deportistas revelación de 2012
Por Redacción
O Consejo Superior de Deportes anunciou este xoves os galardoados nos Premios Nacionais do Deporte 2012, incluíndo no fallo feito público á regatista Támara Echegoyen na categoría de mellor deportista revelación.
Echegoyen, xunto ás súas compañeiras do 'Xiquitas Team' coas que se colgou a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Londres na categoría de Match Race de vela, foron distinguidas co Premio Infanta de España S.A.R. Dona Cristina "ao deportista masculino ou feminino que polos resultados obtidos durante o ano supuxese a revelación máis significativa do panorama deportivo".
Na relación de premiados aparece outra galega, a atleta ribeirense Ana Peleteiro, recoñecida como mellor deportista menor de 18 anos.
O resto de premiados son Marina Alabau (wíndsurf), Joel González (taekwondo), o Valencia Basket Club, Radamel Falcao (fútbol), a Selección Feminina de Waterpolo, o Fútbol Club Barcelona, a empresa Iberdrola, o Ayuntamiento de la Nucía, a Universitat Jaume I, Enma Villacieros e Dorna Sports.