Empate sen goles do Marcón, vitoria en inferioridade do Beluso e dolorosa derrota do Campo Lameiro
Por Redacción
Aínda ten moito que pelexar o Marcón Atlético para salvar a categoría na Rexional Preferente, pero os pontevedreses van polo bo camiño e seguen sumando semana tras semana.
Nesta ocasión os de Borja Burgos lograron un valioso empate na casa ante un dos equipos da zona alta como o Porriño Industrial (0-0).
O Marcón realizou un encontro serio, sufrindo en momentos puntuais pero cun gran exercicio de concentración para contar mesmo con opcións de levar os tres puntos.
Non foi así e ningún dos equipos conseguiu marcar, polo que os pontevedreses quedan no posto 13 da táboa con 35 puntos.
Consulta a acta do Marcón Atlético-Porriño Industrial.
Se importante foi o punto para o Marcón, o conseguido polo Beluso a domicilio ante o Alertanavia roza a épica, ao levar no desconto os tres puntos en xogo despois aguantar máis de media hora en inferioridade numérica (1-2).
Os locais conseguiron adiantarse no marcador aos 20 minutos, pero só 5 minutos despois Adrián Estévez lograba a igualada.
Así se chegou á segunda metade, co duelo tremendamente disputado ata a expulsión de Colmenero no minuto 54 por vermella directa. Tivo que replegar entón o Beluso, aguantando as acometidas do seu rival, ata que chegou a súa ocasión xa no tempo de desconto para facerse coa vitoria grazas a un tanto de Dani.
Co triunfo os de Bueu ascenden á a décima praza con 37 puntos e toman aire sobre as posibles prazas de descenso por arrastre a final de tempada.
Consulta a acta do Alertanavia-Beluso.
Polémico empate do Xuventú Sanxenxo no campo do segundo clasificado, o Bande (2-2), nun choque no que non conseguiu aproveitar a súa superioridade numérica.
Os amarelos adiantáronse ata en dúas ocasións. Primeiro fixérono co gol de Hugo aos 7 minutos, pero os locais empataron pouco despois.
Hugo volvía mollar tras o descanso poñendo en vantaxe ao Sanxenxo, ata que un penalti poñía o definitivo 2-2 no minuto 67. Só dous minutos máis tarde o Bande quedaba en inferioridade numérica pola segunda amarela a Soares, e mesmo viu como expulsaban na recta final a outro dos seus futbolistas, situación que non foi capaz de aproveitar o conxunto visitante.
Con esta táboas o Sanxenxo cae á sexta posición con 61 puntos.
Consulta a acta do Bande-Xuventú Sanxenxo.
Non levanta cabeza o Campo Lameiro nas últimas semanas, sobre todo tras caer na casa ante un dos seus rivais directos pola permanencia, o Caselas (2-3).
O choque púxose moi pronto costa arriba para os verdes, que no minuto 25 xa caían por 0-2 cun dobrete do visitante Manuel Lago.
A pesar diso seguiron pelexando e chegaron a recortar distancias antes do descanso por medio de Fernando. O empate parecía factible e foron a por el ata que no 72 o Caselas castigaba aos da Chanciña co terceiro. Volveu a meterse no duelo o Campo Lameiro a falta de 5 minutos co 2-3 de Galdames, pero faltoulle tempo para salvar canto menos un punto.
Con este resultado os verdes caen ao posto 15 da táboa con 31 puntos.
Consulta a acta do Campo Lameiro-Caselas.
O encontro que completaba a xornada de Preferente para os equipos da comarca entre Unión Grove e UD Ourense foi suspendido debido ao adverso meteorolóxico.