Aranjuez, primeira cita da Gimnástica na súa sétima temporada consecutiva na División de Honra de atletismo
Por Alejandro Espiño
Un ano máis e xa van sete consecutivos. O equipo masculino da Sociedad Gimnástica de Pontevedra inicia a súa actuación na máxima categoría do atletismo nacional. Farao este sábado 27 de abril en Aranjuez. Será un encontro moi complicado, xa que nesta primeira xornada enfrontaranse ao Atletismo Marathon, ao Universidad de Oviedo e ao Tenerife Caja Canarias, tres dos mellores equipos da pasada campaña.
A pelexa deportiva, segundo o director técnico do club, Jesús Cortegoso, "preséntase apaixonante", aínda que non será fácil xa que varios atletas importantes no equipo caeron lesionados nas últimas semanas. Non estarán en Aranjuez os atletas Julián Ortiz, Víctor García, José Ángel Gómez ou Iván Val, aos que hai que engadir a outros que por motivos de traballo ou outras causas non van poder estar como Gustavo Dacal e Emilio Martín.
Aínda así a Gimnástica conseguiu elaborar un equipo competitivo que pode optar a algunha vitoria nas 20 probas que compoñen a competición. Alberto Salcedo nos 200 metros, Mar Turc nos 5 quilómetros marcha, Mario García na pértiga, Alfonso Palomanes no triplo salto ou Víctor Galego no peso e o disco, son algúns dos que poden conseguir unha praza de podio, o que dará valiosos puntos para o club durante a competición.
Como sempre serán dous atletas do club os que compitan en cada proba, repartíndose os puntos desde os oito ao primeiro clasificado, ata un para o oitavo. Quen consiga máis puntos será o ganador. Segundo Cortegoso, "moi probablemente recaia no anfitrión", o Marathon de Madrid, mentres que os outros tres pelexarán polo segundo posto que pode garantir o asegurar a categoría para a próxima tempada.
En todo caso, insiste o director técnico do club que "malia as baixas os atletas da Gimnástica demostraron sobradamente o espírito de loita que teñen nesta competición, polo que non se deixarán amilanar polas importantes ausencias e esforzaranse ao máximo nas pistas sintéticas".
Ademais dos xa mencionados, o equipo confórmano Juan Barbosa, David Rocha, Santi Ferrer, Martín Brea, Ignacio Sarmiento, Eduardo Gallardo, Gustavo Avilés, Eduardo Suárez, Sergio García, David Ferrer, Javier Rodríguez, Juan Pablo Fernández, Jorge Puig, Miguel Ángel Barros, Laureano Martínez, Alexandre Solla, Iván Maceiras, Alex Florez, Carlos Espina, Carlos Villamor e Jorge Vela.
O venres ás tres da tarde, desde o Pavillón Municipal, sairá o equipo con destino a Madrid, onde comezará a competir no Estadio de Atletismo de Aranjuez o sábado as tres da tarde co lanzamento de martelo, concluíndo a competición ás nove menos cuarto da noite co relevo 4x400. Case seis horas de competición, unha longa xornada, debido a que conjxntamente celebrarase outro encontro do Campionato Feminino, onde tamén participa un equipo galego o Ría de Ferrol.