O Marcón segue sumando e o Sanxenxo retoma o ritmo na xornada de Preferente
Por Redacción
Valioso punto o que rescatou o Marcón Atlético no campo dun dos seus rivais directos pola permanencia na categoría, o Caselas (2-2).
Os de Borja Burgos conseguen sumar por cuarta xornada consecutiva para manter a súa distancia sobre a zona de descenso despois dun encontro no que se viron por detrás no marcador e no que aguantaron os últimos minutos en inferioridade numérica.
Comezou ben o encontro para os pontevedreses, cun tanto de Sapi en case a súa primeira aproximación con perigo, aos 5 minutos, pero os locais reaccionaron para dar a volta ao marcador e chegar en vantaxe ao descanso.
O duelo seguía no aire, tremendamente disputado, e Sapi volvía poñer a igualada desde o punto de penalti no minuto 68. Parecía que o Marcón quería ir a por o triunfo, pero a expulsión de Valiñas a falta de 15 minutos fixo que se conformase con sumar un punto que lle vale para manter a distancia na táboa sobre o seu rival.
Co empate os de Borja Burgos quedan situados no posto 13 con 34 puntos.
Consulta a acta do Caselas-Marcón Atlético.
Despois de dúas xornadas sen gañar, o Xuventú Sanxenxo reencontrouse coa vitoria no encontro disputado en Baltar de Arriba ante o Ribeiro (3-1).
Os amarelos superaron unha situación complicada, xa que o equipo visitante adiantouse no marcador na primeira metade.
Con todo, todo cambiou tras o paso por vestiarios, xa que un penalti no primeiro minuto do segundo acto servía a Javi Nogueira para igualar. Veuse arriba o Sanxenxo e aproveitando a expulsión do gardameta do Ribeiro terminou facéndose co triunfo grazas aos tantos de Hugo e Adrián Freire.
Este resultado permite ao Sanxenxo manterse na quinta posición con 50 puntos.
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-Ribeiro.
Non consegue deixar atrás a súa dinámica negativa o Campo Lameiro, que competiu ben na súa visita a un dos campos máis complicados da categoría, o da UD Ourense, pero que terminou encaixando unha derrota pola mínima (0-1).
Os verdes mantiveron o tipo durante gran parte do encontro, ata que un solitario gol de Alfredo Veiga no minuto 78 rompeu a igualada e deixoulles sen capacidade de reacción.
Coa derrota o Campo Lameiro non consegue afastarse da zona perigosa e queda no décimo cuarto posto con 31 puntos.
Consulta a acta do UD Ourense-Campo Lameiro.
Segunda derrota consecutiva do Unión Grove en liga tras desperdiciar a vantaxe que lograra no campo do Valladares (4-3) nos últimos minutos.
O cadro meco comezou ben o choque e pasada a media hora dominaba grazas aos goles de Diego González e Diego Lorenzo.
Así se chegou ao descanso. Xa no segundo acto, en só dous minutos, os locais conseguían empatar, pero o Grove volvía golpear co seu terceiro gol no minuto 78. Todo parecía a favor ata que nuns últimos minutos de vertixe o Valladares conseguiu remontar para vencer no último instante.
Coa derrota os do Grove caen á oitava praza con 48 puntos.
Consulta a acta do Valladares-Unión Grove.
Non puido sacar nada positivo o Beluso na súa visita ao campo dun líder en estado de graza, o Estradense (4-0).
Os de Bueu víronse superados pola pegada do seu rival. Ao descanso caían por dous goles a cero, e cando tentaban reaccionar chegaría a sentenza.
A derrota deixa o Beluso no posto 12 con 34 puntos.