Poio impulsa unha nova escola deportiva de 'paddle surf'
Por Redacción
A oferta deportiva de Poio completarase a partir do mes de marzo cunha nova actividade, a de 'paddle surf'.
Esta escola deportiva foi presentada pola concelleira de Deportes, Marga Caldas, e o instrutor, Cassio Jiménez, coa intención de "aproveitar o mar e non dirixilo só á tempada estival", sinalou a edil.
Aínda que a idea é que esta iniciativa poida chegar co tempo a todas as praias do municipio, a actividade iniciarase na praia de Xiorto, en Raxó, durante dous días á semana.
En concentro formaranse grupos de cinco persoas que se repartirán entre o martes (10:00 a 12:15 horas) e o venres (16:00 e 18:15 horas).
A escola de 'paddle surf' está dirixida a todos os maiores de 12 anos, incluíndo ao colectivo da terceira idade, a quen se dirixe especialmente.
O único requisito para os interesados en participar é saber nadar, debendo acudir ademais cun traxe de neopreno xa que o resto de material será facilitado pola organización.
Incialmente habilitaranse 20 prazas para o curso, cun custo de 15 euros para os veciños e veciñas de Poio e de 30 euros para o resto de inscritos no caso de que non se cubran as prazas. Os interesados poden anotarse a través do correo deportes.poiomovese@concellopoio.gal.