Todo listo para o Campionato de España de Dúatlon: "en Pontevedra estarán os mellores duatletas españois"
Por Diego Espiño
Un total de 827 duatletas daranse cita en Pontevedra no Campionato de España que se celebra este fin de semana, 27 e 28 de abril, unha cita na que, segundo confirma o presidente da Federación Galega de Triatlon, Francisco Villanueva, estarán os deportistas nacionais de maior nivel, "estes dous días en Pontevedra estarán os mellores duatletas españois e tamén internacionais, porque o actual campión do mundial é Emilio Martín".
O interese por participar na proba pontevedresa toma especial relevancia nos grupos de idade, que competirán o domingo, ao poder lograr os duatletas a súa clasificación para o Mundial de 2014 que tamén se disputará en Pontevedra, "que sexa clasificatorio notouse na inscrición, sobre todo porque estarán os mellores en cada grupo de idade".
Agustín Fernández: "Será un ensaio xeral que nos permitirá testar o percorrido e os detalles organizativos para o Mundial de 2014"
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, destacou precisamente o adestramento que supón este campionato ante o reto de 2014, ademais de xerar un gran movemento de persoas en todo o fin de semana, "será un ensaio xeral que nos permitirá testar o percorrido e os detalles organizativos. Hai máis de 800 inscritos e esperamos en torno a 2.000 persoas toda a fin de semana, agora só falta que todo saia ben e o tempo axude".
Tanto Fernández coma o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destacaron a experiencia organizativa coa que conta a cidade, e que a levou a celebrar ata 14 campionatos de España de diferentes especialidades nos últimos 20 meses. Fernández Lores, ademais, confirmou que intentarán que o campión mundial de triatlon, Javier Gómez Noya, participe no Campionato do Mundo de 2014 a pesar de non ser a súa especialidade.
Na cita do próximo fin de semana os reponsables da Federación Galega defenderon as posibilidades dos deportistas galegos en todas as categorías, aspirando a repetir os resultados de 2012 en Águilas, Murcia, onde Galicia conseguiu catro medallas individuais e seis de clubs.
Relacionadas:
-
Campionato de España de Dúatlon, a ilusión de competir na casa
Por Redacción |
-
300 voluntarios colaborarán coa organización do Campionato de Dúatlon
Por Redacción |
-
Forte operativo de tráfico con restricións de estacionamentos e rúas pechadas polo Dúatlon
Por Redacción |
-
Luis Piña ante o Campionato de España de Dúatlon: "O espectáculo está asegurado"
Por Redacción |