Golpe de efecto do Marcón ante o Ourense, empatan Campo Lameiro e Sanxenxo e caen Grove e Beluso
Por Redacción
Din que as vitorias menos esperadas gózanse máis. Iso é o que viviron este domingo os xogadores do Marcón Atlético que, contra todo prognóstico, derrotaron no Carrasco a un dos grandes favoritos ao ascenso a Terceira, a Unión Deportiva Ourense.
Nun partido sen grandes oportunidades de gol na primeira metade, un penalti transformado por Iván no minuto 42 puxo por diante aos pontevedreses.
Xa na segunda parte, o árbitro expulsou ao visitante Omar no minuto 66, tras mostrarlle vermella directa despois dunha dura entrada. Pouco despois, no 77, Sapi puxo o 2-0 no marcador, empuxando lixeiramente cara á portería un disparo de Marcos que, tras internarse pola banda esquerda, superara por alto ao porteiro ourensán.
Foi entón cando o Marcón mostrouse superior ao seu rival que, con todo, logrou reducir distancias no minuto 87 grazas a un penalti convertido por Alfredo, tras unha man de Dani Adán na área.
Consulta aquí a acta do partido Marcón - Ourense.
O Xuventú Sanxenxo, pola súa banda, logrou rescatar un punto no campo do Pontellas tras igualar o 2-0 a favor co que se situaron os do Porriño na primeira parte. O punto sérvelles para manterse preto dos postos de playoff de ascenso.
O Pontellas aproveitouse das facilidades que, a nivel defensivo, deron os de Sanxenxo. Dous goles de Nando e Pibe, o primeiro no minuto 2 e o segundo ao fío do descanso, parecían sentenciar o partido para os locais.
Tras un penalti que fallou o Pontellas aos seis minutos da continuación, o Sanxenxo reaccionou na segunda metade. Novegil puxo o 2-1 no marcador no minuto 63 e, doce despois, Aitor Gómez convertía un penalti cometido polo porteiro local sobre Hugo para establecer o empate a 2 definitivo.
Consulta aquí a acta do partido Pontellas - Xuventú Sanxenxo.
O Campo Lameiro tamén logrou reter un punto, aínda que no seu caso foi no seu propio campo. Fíxoo tras neutralizar o gol inicial do Valladares. O partido, disputado na Chanciña, comezou con case 40 minutos de atraso por un contratempo do trío arbitral.
Con certas limitacións, provocadas polas baixas, os locais cederon o dominio do xogo ao Valladares que, no minuto 28, adiantouse cun gol de Paulo.
Con todo, o Campo Lameiro logrou empatar nada máis empezar a segunda parte. Fer, no minuto 48, aproveitou un rexeite do porteiro vigués tras un disparo de Pablo Silva, para enviar o balón ás mallas. A boa actuación do gardameta local, Vivar, impediu males maiores.
Consulta aquí a acta do partido Campo Lameiro - Valladares.
Peor lle foron as cousas ao Unión Grove, que deu un paso atrás nas súas aspiracións de ascenso tras caer no campo de Monte da Vila ante o Atios, rival directo, por 1-2.
A pesar de que os locais se adiantaron moi pronto, no minuto 2, mediante un gol de Rubén, os seus erros defensivos a longo prazo custáronlle a derrota.
Un gol de Fiti en propia porta, aos sete minutos da segunda parte, e un segundo tanto materializado por Cora permitiron ao Atios asinar a remontada.
Consulta aquí a acta do partido Unión Grove - Atios.
O Beluso, por último, tamén caeu en casa. No seu caso, por 3-4 contra o Porriño Industrial. Pero a punto estivo de empatar un partido que empezou perdendo por 0-4.
O campo de As Laxes foi testemuña dun partido tolo. O Porriño foise ao descanso por diante no marcador, grazas aos goles de Richi e Aarón. A súa renda ampliouse na segunda parte e, no minuto 77, púxose 0-4 polos tantos anotados por Carlos Campo e Groba.
Pero o Beluso non baixou os brazos e aproveitándose de que o seu rival parecía durmirse nos loureiros a punto estivo de lograr o empate con tres goles en sete minutos, obra de Cidrás, Richi e Iván, este último no minuto 92.
Consulta aquí a acta do partido Beluso - Porriño Industrial.