José Manuel Casado e Beatriz Fernández impóñense nunha espectacular Urban Trail Night
Case 500 atletas participaron este sábado na segunda edición da Urban Trail Night, unha espectacular proba deportiva nocturna que se desenvolveu por diferentes espazos urbanos da cidade de Pontevedra.
Catorce quilómetros de percorrido, infestado de obstáculos, no que se impuxo o atleta ourensán José Manuel Casado, que cruzou a liña de meta situada na praza de touros de San Roque tras 50 minutos e 13 segundos, batendo o récord da proba.
O segundo posto foi para Miguel Daporta, que finalizou a 1:35 do gañador. O podio completouno, en terceira praza, Fernando Vidal, cun tempo de 53:20.
Na categoría feminina, o triunfo foi para a atleta de Cangas Beatriz Fernández, que acabou a carreira en 58 minutos e 53 segundos. Segunda foi Mari Ángeles Castro, gañadora do pasado ano, a case cinco minutos (1:03:41), que se impuxo ao sprint a Yolanda Campos, que se fixo coa terceira praza.
Os resultados completos pódense consultar nesta ligazón.
A saída da Urban Trail Night tivo lugar na Illa das Esculturas. Os participantes, con lanternas e focos, tiveron que correr polos estreitos carreiros das beiras do Lérez. Xa pola cidade, tiveron que subir e baixar as bancadas do estadio de Pasarón ou sortear os vehículos colocados por Ibericar-Gestoso.
Do mesmo xeito que na súa primeira edición, os atletas concluíron a carreira no interior da praza de touros.