O Pontevedra conxúrase para sumar un resultado "positivo" ante o Real Madrid Castilla
Por Alejandro Espiño
Cada partido fóra de casa "non nos é fácil", recoñece Luismi. E máis, para este Pontevedra que lonxe de Pasarón esta tempada só derrotou ao Rácing de Ferrol. Non será fácil romper esa xeira esta semana, pero os granates prometen dar o mellor de si fronte ao Real Madrid Castilla (domingo 25, 19.00 horas) no Estadio Alfredo Dei Stefano.
O Pontevedra, explica Luismi, vai a Madrid "a sumar" e para iso opta por "non ver o rival en si" e centrarse en "xogar ben ao fútbol" e "dar máis" para poder arrancar algo positivo.
Un filial da calidade do Real Madrid Castilla "nunca sabes por onde pode saír", entende o técnico pontevedrés, xa que "se teñen o día poden liala". A este respecto, avanza que o equipo tentará "que non teñan o día e facer as cousas ben" poñendo ao seu rival "en situacións complicadas" e poder traer os tres puntos a Pontevedra.
Luismi espera repetir na capital española as "boas sensacións" do partido en Toledo. Os xogadores, dixo, están "con ganas de sacar algo positivo fóra de Pasarón", algo ao que axudará a inxección moral que supuxo eliminar ao Escobedo na Copa Federación.
"Animicamente ten que axudarnos e reforzarnos, sabendo que fóra de casa podemos ser igual de fiables que en casa e non temos por que ser pesimistas", indicou o adestrador do Pontevedra, que pediu os seus xogadores ser "positivos" ante unha nova oportunidade para sumar e "facer bos" os tres puntos gañados en Pasarón fai sete días.
O obxectivo, engadiu, é "ir ascendendo na clasificación e escapar de aí canto antes".
En canto á situación da enfermería granate, Luismi sinalou que Jimmy, Álex Fernández e Kevin Presa "son os que nos preocupan máis" e, de feito, non entraron na convocatoria para Madrid. Si o fixo Nacho. O lateral dereito xa está recuperado "e ao 100%". Quen tamén se quedou fóra a última hora, como consecuencia duns problemas físicos, foi Prosi, o que obrigou o técnico para tirar da base incorporando á expedición ao xuvenil Jesús Barbeito e ao central do filial Pacheco.
O Pontevedra desprazará a Madrid a 18 xogadores. Ademais do xa mencionado Nacho, estarán Edu Sousa, Anxo, David Castro, Darío Flores, David Goldar, Jorge Hernández, Adrián Mouriño, Marcos Álvarez, Álex González, David Añón, Pibe, Iván Martín, Jesús Berrocal, Eder Diez e os canteiráns Jesús Barbeito e Pacheco.