225 universitarios reúnense no Intercampus de Pontevedra
Segundo a información publicada por Eduardo Muñiz no DUVI, máis de 225 estudantes da Universidade de Vigo chegados dos tres campus reuníronse o mércores 21 no campus de Pontevedra para afrontar unha serie de competicións enfocadas, en primeira instancia, ao Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos, e en segunda, ás fases clasificatorias do Campionato de España.
Desde as 10 da mañá ata as 6 da tarde, diferentes recintos deportivos da Boa Vila acolleron estes enfrontamentos deportivos do Intercampus 2018. Trátase dunha xornada na que se fomentaba, ademais da competitividade, a convivencia entre os distintos equipos. Os deportistas medíronse nas modalidades de fútbol 11, fútbol sala, baloncesto e voleibol.
Os equipos de Vigo demostraron a súa superioridade neste Intercampus. Na competición de fútbol masculino foron dous equipos vigueses os que chegaron a xogar a final, levándose o triunfo o Roma Senza Pietá por 5-3. O mesmo aconteceu en fútbol sala, onde tras derrotar aos representantes de Pontevedra e Ourense, o Levante Las Palmas saiu vencedor na final viguesa. Tamén en baloncesto dominaron os de Vigo coa vitoria do equipo Isótopos por 73 – 58. A única excepción chegou no triangular de voleibol mixto, no que os de Ourense gañaron a fase final ante un equipo tamén vigués.
Destas competicións finais sairán os equipos que representarán posteriormente á Universidade de Vigo no Campionato Galego de Deportes Colectivos, que se celebrará os días 6 e 7 de marzo na Universidade da Coruña. Pero máis alo das catro categorías principais, a Universidade tentará estar presente neste torneo en todas as modalidades deportivas.