Máis de 400 ciclistas participarán na Transgalaica de Carballedo
Por Redacción
A Transgalaica 2018 volverá a ter Carballedo como punto de inicio. Alí se xuntarán este domingo 25 de febreiro máis de 400 ciclistas para participar na primeira proba deste circuíto BTT.
Esta estimación de participación -a inscrición permanece aberta ata o xoves- deuse a coñecer hoxe na presentación oficial da competición, que tivo lugar no observatorio do Coirego e que contou coa presenza do presidente do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; de Javier Sánchez, en representación do Team Relay, que é o club organizador desta proba; e do técnico municipal de Deportes, Diego López.
Os ciclistas participantes proceden maioritariamente de Galicia, coa presenza de practicamente todo o pelotón, pero tamén doutros puntos de España, especialmente de Asturias e Castela e León.
A competición, que conta coa colaboración do Concello e da Federación Galega de Ciclismo, discorrerá por un esixente circuíto polas pistas de terra dos montes da contorna de Carballedo con case 60 quilómetros de lonxitude.
A carreira arrancará ás 9.30 horas da Praza da Chan e salvará un desnivel acumulado duns 1.500 metros, sendo o observatorio, a 650 metros de altura, o punto máis elevado que terán que afrontar os ciclistas. A chegada estímase que se producirá, no caso do gañador, sobre as 12.00 horas ao centro de Carballedo e a entrega de premios está fixada para as 13.30 horas.
Tras esta proba, a Transgalaica continuará co seu desenvolvemento polo resto da comunidade coas carreiras en Ames, Vigo e a parroquia estradense de Sabucedo.
Cubela quixo agradecer a confianza da Federación Galega de Ciclismo e o Team Relay para seguir celebrando a proba inaugural deste circuíto en Carballedo e indicou que o Concello prestaralle "o máximo apoio" a esta proba deportiva que, en 2019, celebrarase "algo especial" ao tratarse da décima edición no territorio de Cotobade.