Grupo Santorum & Martínez venceu na 3º etapa da Regata Interclubs de Pontevedra
O sábado 17 máis de 50 barcos déronse cita no Club Náutico de Portonovo, para disputar a terceira etapa da 4º Regata Interclubes de Cruceiros da Ría de Pontevedra na que, por fin, as previsións meteorolóxicas se cumpriron e os participantes puideron gozar dunha xornada con bo vento do norte-noroeste e sol.
As clases 1, 2 e 3 completaron un percorrido de 14,2 millas que pasaba por Sanxenxo, a Ría Mourisca de Bueu e finalizaba en Portonovo. Nesta primeira categoría, Grupo Santorum & Martínez fíxose coa vitoria nesta terceira etapa cun tempo de 01:17 segundos, tras un apertado duelo co Ziralla Primero. O terceiro posto foi para o Oral Group Galimplant, que tras unha brillante tempada pasada segue sen recuperar o seu mellor nivel. O ata o momento líder, Ro Yacht, acabou en última posición nunha das súas xornadas menos favorables.
En canto á clase 2 North Sails, cun percorrido de 11,2 millas, o Chispa Nejra estivo intratable e afianzou unha magnífica actuación que leva repetindo ao longo das últimas competicións. Seguíronlle moi de preto Argalleiro e Piko Norte. Tiveron mala sorte os do Santiago Roma Rías Baixas, que tiveron que retirarse tras romper o stay, cable de aceiro que suxeita o mastro.
O Sebrala 2 foi o vencedor na clase 3 Murimar Seguros, superando ao Agueira I e o Marara IV cun tempo de 05:06 segundos. O Travesío A Riviere Conservas obtivo a vitoria na clase 4. Na categoría de clásicos e veteranos, o Sempre Volve superou en duelo ao Calamote.
Por último, na Óptica Campelo para a categoría dos Mini 23, o Troscado tivo que conformarse cun segundo posto, pois foi o Last Kiss quen chegou primeiro e xa conta con 4 puntos para a clasificatoria.
En canto aos resultados xerais, o Ziralla Primero lidera a Clase Froiz con 5 puntos; Chispa Nejra mantense primeiro no podio da Clase North Sails; na categoría de Murimar Seguros, o primeiro posto é para o Aguieira I. Travesío A Riviere Conservas (3 puntos) e Sempre Volve (3 puntos) reinan nas categorías Efectos Navais e Abanca, respectivamente.
A etapa disputada este sábado era puntuable para o trofeo Concello de Sanxenxo. O Trofeo de Clubs irá comandado tras esta terceira proba polo Real Club de Mar de Aguete. A próxima cita será o vindeiro sábado 3 no Club Náutico de Beluso.