Tambores e dragóns desembarcan este sábado no río Lérez
Hai máis de 2.000 anos naceu na China unha modalidade de piragüismo cunhas embarcacións lideradas por un dragón, con ata 300 padexeiros que navegan ao son dun tambor. Esta curiosa variedade deportiva chega esta fin de semana a Pontevedra, coa celebración da primeira edición do Festival Dragon Boat Ciudad de Pontevedra. É a primeira vez que un evento desde tipo se celebra en Galicia, e a Boa Vila foi seleccionada para a súa organización, que corre a cargo do Club Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra.
A competición terá lugar este sábado 17 ás 15.00 horas no río Lérez, concretamente nas inmediacións do pantalán do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Os nove equipos participantes dividiranse nas categorías masculina, feminina e mixta, e a competición desenvolvésese con duelos directos decididos previamente mediante sorteo.
O festival foi presentado este venres 16 pola concelleira de Deportes Anxos Riveiro e o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea. Nela inscribíronse máis de 190 padexeiros de varios clubs galegos e un en representación da selección do principado de Asturias. Pontevedra é a cidade con máis clubs de piragüismo de toda España.
O club pontevedrés é o único galego que conta coas embarcacións adecuadas, nas que compiten 8 padexeiros cun temoneiro, mentres que unha persoa encárgase de levar o ritmo de pedalada grazas a un tambor. Desde o club animan a todos os pontevedreses a achegarse este sábado ao Lérez para gozar desta innovadora variedade de piragüismo, sinalou o seu presidente, Óscar Ponte.
A Federación Galega de Piragüismo será a encargada da execución da proba, cunha modalidade que será a de torneo, na que cada embarcación deberá situarse nunha rúa para disputar a carreira. Os dous clasificados finais tras a celebración dos duelos loitarán pola vitoria.