O Galaico toma vantaxe na final da Liga Galega de Waterpolo
Por Redacción
O Club Waterpolo Galaico Pontevedra está máis preto de lograr proclamarse campión na Liga Galega de 1ª División por primeira vez, despois de conseguir gañar no primeiro da final ante o CW Santiago (14-12).
O encontro, disputado na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, desenvolveuse cunha grande igualdade do primeiro ata o terceiro cuarto, sen que ningún dos dous equipos lograsen abrir un oco de máis dun gol no marcador. Durante estes 3 períodos foi alternándose o equipo que levaba a vantaxe, chegando os pontevedreses ao ecuador do partido cun 6-5 que os visitantes chegaron a remontar cun 10-11 ao final do terceiro tempo.
No último cuarto os locais tiraron de orgullo para romper o partido cun parcial de 3-0 que ao cabo supoñería a vitoria final.
A eliminatoria trasládase agora á piscina compostelá de Santa Isabel, onde o próximo sábado 27 se disputará o segundo choque da serie. En caso de chegar ao terceiro encontro, este xogaríase de novo en Santiago o 18 de maio.
Para o partido do sábado o Galaico ten previsto organizar o traslado en autobús de todas as persoas que desexen apoiar o equipo cun custo de 5 euros por persoa. Os interesados deberán poñerse en contacto co club a través do correo electrónico waterpolo@cngalaico.com.
Relacionadas:
-
Un partido separa ao Waterpolo Galaico do seu primeiro título na 1ª División Galega
Por Redacción |
-
O Waterpolo Santiago derrota o Galaico (9-7) e forza o terceiro partido na final da Liga Galega
Por Redacción |
-
Unha 'marea vermella' inundará Santiago para axudar ao Galaico Pontevedra a gañar a súa primeira Liga Galega
Por Redacción |