Guadalaxara, complicada pista para buscar a primeira vitoria a domicilio do Teucro
Por Diego Espiño
Difícil saída a que afronta este sábado (18:00 horas) a Sociedad Deportiva Teucro na busca de lograr estrearse esta tempada lonxe do seu fortín do Municipal.
Os pontevedreses visitan a pista do BM Guadalajara, unha das grandes sopresas da tempada na Liga Asobal ao ocupar a segunda posición provisional, nun choque que supón ademais un adianto da eliminatoria de Copa do Rei que enfrontará a ambos os dous equipos en marzo.
"Sen dúbida que é a gran revelación da liga. E non é casualidade", asegura Quique Domínguez, para quen o seu próximo rival é "un equipo que dá gusto velo xogar" baixo a dirección do ex-teucrista Víctor Vigo e xogadores importantes como o incombustible Hombrados, Montoya ou Javi García, entre outros.
Os azuis tentará repetir o triunfo que conseguiron en Pontevedra na primeira volta da competición, aínda que deberán superar unha semana máis a falta de efectivos por culpa das lesións.
O capitán Carlos García segue fóra de combate e á espera de que o luns se lle realice unha resonancia magnética que determine o alcance exacto da lesión que sofre no seu pé. Ademais seguen unha semana máis fóra do equipo Óscar Silva ou Rial.
A pesar diso, empezar a segunda volta con vitoria ante un rival directo como o Zamora deu ás ao plantel azul. "Sabemos que nesta liga, quitando ao Barcelona, pódeselle gañar a calquera equipo", avisa Borja Méndez.
O encontro en Guadalaxara será arbitrado polos valencianos Fernández Pérez e Iniesta Castillo.
Relacionadas:
-
Puntazo dun enorme Teucro en Guadalaxara (33-33)
Por Redacción |
-
O Teucro apontoa o seu proxecto de canteira cun acordo co San Narciso de Marín
Por Redacción |
-
Unha praga de lesións que parece non ter fin
Por Diego Espiño |
-
Emocionante vitoria do Teucro ante o Zamora que achega a permanencia (23-22)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |