Bota a rodar o "equipo máis xove da historia do Froiz"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
"É un ano especial, o 30 aniversario", e por ese motivo o Grupo Deportivo Supermercados Froiz inicia o curso con "a ilusión como o primeiro día, renovada, coa mesma paixón que o primeiro ano", recoñece o seu director, Evaristo Portela.
O equipo alimenticio, o segundo máis lonxevo do pelotón ciclista nacional, iniciou a súa xa tradicional concentración de pretempada, establecendo a súa sede no Hotel Campaniola.
Cun plantel renovado ao máximo, no que apenas 4 corredores repiten con respecto a 2017, o Froiz aposta este ano pola mocidade: "Aquí hai moito talento, é o equipo máis xoven da historia do Froiz, unha media de 21 anos", asegura Portela.
Isto non significa que os obxectivos sexan menos ambiciosos, xa que repiten como grandes metas realizar un bo papel na Copa de España "e despois a Volta a Coruña e a Volta a Galicia", explicou o director.
Durante estas xornadas de preparación, que concluirán o vindeiro venres coa presentación oficial do equipo co histórico Pedro Delgado como padriño, os ciclistas do Froiz realizarán varios adestramentos por estradas da provincia, o máis esixente o previsto para este xoves con preto de 170 quilómetros de percorrido, polo menos 4 portos de montaña e 3.500 metros de desnivel positivo acumulado, segundo explicaron desde a propia escuadra.
O obxectivo será entre outras cousas comprobar o estado de forma dos corredores que acudirán á primeira gran competición da tempada, o 25 de febreiro no Circuíto do Guadiana, estrea da Copa de España Elite e Sub-23.
O plantel do Grupo Deportivo Supermercados Froiz 2018 compóñeno: Iván Martínez, Miguel Gómez, Martín Lestido, Diego Nogueira, Óscar González Brea, Aarón Mariño, Aitor Bugarín, Abel Franco, Ander Del Castaño, Borja Alfaraz, José Carlos Amil, Diego González, Guillermo García Janeiro, Jesús Rodríguez, Joan Ruiz, Miguel Montero, Sergio Vega e Daniel Rodríguez, ademais dos paralímpicos César Neira e José Enrique Porto.
Relacionadas:
-
Dobre cita para o Supermercados Froiz no País Vasco e Portugal
Por Redacción |
-
O Froiz estrea tempada en Cidade Real
Por Redacción |
-
Presentación ao grande para celebrar os 30 anos do Supermercados Froiz
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Pedro Delgado será o padriño do Supermercados Froiz no seu 30 aniversario
Por Redacción |
-
A fidelidade de Froiz ao ciclismo, premiada na gala da Federación Galega
Por Redacción |