Xesta do Teucro que derrota ao Ángel Ximénez (24-21) e clasifícase para disputar o play-off de ascenso a Liga Asobal
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Din que se se desexan coa suficiente forza os sonos se cumpren. Pois moita tivo que ser a forza de toda a familia teucrista para facer realidade un sono, case unha quimera cando comezaba a liga. Antes de comezar o partido coñecíase o empate entre Adelma e Torrelavega. Todo quedaba en mans do Teucro, ao que unha vitoria levaba matematicamente ao play-off de ascenso.
O ambiente era de gala. Entrada de luxo, como as de fai xa moitos anos, e afección entregada. Esa foi unha das claves. A outra clave desta vitoria hai que buscala na fé e a entrega dun equipo, duns xogadores que foron crecendo xornada a xornada ata alcanzar esta bonita realidade.
E iso que a responsabilidade e a presión causaron efecto nos dous equipos, cuns primeiros minutos espesos en ataque. Os visitantes lograban os seus dous primeiros goles de penalti, máis outro lanzamento de sete metros que mandarían fora, insistindo unha e outra vez en buscar ao pivote. Iso serviulle para tomar a dianteira, pero en canto o Teucro axustou a defensa e conseguiu correr chegou un parcial de 5-1 e os azuis colleron o leme.
Cunha defensa soberbia e un Juan Bar entonadísimo, Didac Villar resultaba un pesadelo para o cadro andaluz. As súas fintas e penetracións eran imparables, dirixindo o xogo con acerto e eficacia. Pena que Toño Fernández non estivese tan acertado en dúas situacións dun contra o porteiro para poder asinar un marcador máis amplo. Aínda así, o resultado no descanso era ilusionante e as bancadas do pavillón estaban de festa.
Máis aínda cando nada máis comezar a segunda parte o Teucro amplía a renda e se vai de seis. Parecía feito, pero chegaron os nervios, lóxicos nun equipo novo como o teucrista. O rival, enchido de xogadores curtidos en mil batallas, algún deles máis con planta de "ex-xogador" polo seu aspecto físico, que de deportista en activo, tiraron de repertorio e pararon a achega de Didac Villar.
Dous fallos no lanzamento de Rial e a precipitación nalgunha acción de ataque dan paso a un preocupante parcial de 1-5 e os visitantes métense no partido. Didac Villar, quen se non?, para a sangría. Pero Siscu empéñase en darlle emoción, arrisca e falla dous lanzamentos en superioridade e os andaluces empatan. O equipo visitante fixera os mesmos goles en 15 minutos do segundo tempo que en todo o primeiro.
O Teucro chegou a dispoñer dunha vantaxe de seis goles pero houbo de esperar os últimos cinco minutos para resolver o partido
Barrios pide tempo morto. Esfumárase unha vantaxe de seis goles en pouco máis de doce minutos. Pero quedaba un reforzo para o conxunto azul. A bancada xogou o seu papel e levantou o seu equipo levándoo en volandas cara ao triunfo. Cada gol teucrista era contestado polos andaluces, entrando nos últimos cinco minutos cun incerto empate a 21 goles.
Roxe o Pavillón. Marca Carlos García, de penalti. Para Juan Bar. Miguel Porto lanza o poste. Chelu Cid acórdase do seu pasado teucrista e regala o balón. Falla de novo Miguel Porto. Nova perda visitante e Toño Fernández aproveita o contraataque para poñer dous de vantaxe. Quedaba 1' 56". O técnico Javi Elvira pide tempo morto. O Pavillón é un clamor crecente.
Os andaluces arriscan con porteiro-xogador, pero o tiro sáelles mal pois Toño Fernández, listo, anticípase roubando o balón e recreándose para marcar porta baleira. Era a sentenza. Entramos no último minuto no medio da festa azul. O público posto de pé e máis dunha bágoa. Soa a Rianxeira pola megafonía.
O que tiña como obxectivo eludir o descenso rematará loitando no play-off de ascenso. Parabéns, Teucro!, merecéstelo de sobra.
S.D. TEUCRO (24): Juan Bar; Toño Fernández (5, 1 de penalti), Alejandro Pombo (3), David Chapela (1), Tomás Moreira (2), José Manuel Rial (1), Borja Pedreira (1) -siete inicial-, Tomás Dobarro (p.s.), Aarón Vidal, Miguel Porto, Didac Villar (8), Carlos García (3, 2 de penalti), Siscu e Miguel Sío.
ÁNGEL XIMÿNEZ (21): Paco Chirosa; Francisco (4), Felipe (3), Nico Godoy (1), De la Sierra (7, 4 de penalti), Curro Muñoz (3), Luis Campos -siete inicial-, Oliva (p.s.), Olea, Mario, Cuenca (2), Chelu Cid (1), Juande e Franci Palos.
Árbitros: Jordi Ausas Busquets e Miguel Florenza Virgili (Cataluña). Excluíron por dous minutos a Miguel Porto, Borja Pedreira, Carlos García, Tomás Moreira, Felipe, Curro Muñoz, Olea (2), Chelu Cid, Mario e Cuenca
Marcador (cada cinco minutos): 1-2, 2-3, 5-4, 7-4, 9-6, 12-8 (descanso), 14-10, 15-13, 16-15, 19-18, 21-21 e 24-21 (final)
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Ao redor de 1.500 espectadores. Antes de comezar o partido nun dos fondos izouse unha camiseta xigante cos nomes de todos as persoas que colaboraron na campaña "Eres un 10" de apoio ao Teucro.