Contra o frío, atletismo na Illa das Esculturas no 8K do Lérez
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Que mellor remedio para combater as baixas temperaturas que poñerse a correr. É o que pensaron o medio milleiro deportistas inscritos este domingo na segunda edición dos 8K do Lérez.
A carreira popular encheu de atletismo a Illa das Esculturas cunha xornada deportiva en familia que comezou pasadas as 11:00 coas probas de menores.
Unha hora despois era a quenda da carreira máis numerosa, a absoluta, con dúas voltas a un circuíto de 4 quilómetros (ou unha volta para os participantes na opción 4K) a beiras do Río Lérez e sen apenas desnivel.
Na proba longa, en categoría masculina, o vencedor foi Elías Domínguez cun tempo de 26 minutos e 10 segundos, acompañado no podio por Manuel Marchena (26:39) e Rubén Pereira (27:07), mentres que na categoría feminina impúxose Águeda Blanco (32:00) con Marisé Astorga en segunda posición (33:39) e Carla Trillo na terceira (33:58).
En canto á opción curta, de 4.000 metros, menos numerosa en participación, os gañadores foron Jorge Riobó e Marga Villaverde.
Consulta aquí as clasificacións e tempos da segunda edición da carreira 8K do Lérez.