Recoñecemento ao deporte local nos premios Poio Móvese
Por Redacción
O centro cultural Xaime Illa de Raxó acolleu este sábado a gala dos Premios Poio Móvese que pretenden recoñecer publicamente o esforzo, a dedicación, a entrega e todos os valores que o deporte comporta.
Foi unha xornada que evidenciou a boa saúde do deporte local e que se caracterizou polo bo ambiente.
En categoría masculina o premio, segundo a valoración do Consello Municipal de Deportes e o xurado, foi para o atleta Rafael Fuentes, por diante do fisioculturista Iván Silva.
En categoría feminina o máximo recoñecemento foi para Noemí Blas, presidenta da Escudería Buxa Motor polo seu traballo de moitos anos para impulsar o automobilismo e probas como a popular Subida á Escusa. As outras finalistas foron Carolina Agulla (Poio Pescamar) e Lorena Nieto Pérez e Eva Torres Domínguez (Club Kaiak Polo Combarro).
En canto ás entidades, o seu gran ano 2017 unido á organización da Copa de España valeulle ao Poio Pescamar para recibir un merecido homenaxe. Tamén estaban nomeados a Escudería Buxa Motor e a Asociación de Veciños de Lourido.
Precisamente este último colectivo completou o palmarés co Premio Especial, o único que xa se deu a coñecer previamente, pola exitosa organización dos Xogos de Verán.