Emocionante vitoria do Teucro ante o Zamora que achega a permanencia (23-22)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Non puido empezar mellor a segunda volta da competición na Liga Asobal para o Condes de Albarei Teucro, que superou nun emocionante partido o MMT Seguros Zamora para dar un paso de xigante cara á permanencia.
Aínda que aínda queda moita tea que cortar, os azuis amplían a seis puntos a súa renda co descenso e a catro puntos a vantaxe co seu rival este sábado, ao que ademais supera no diferencial particular.
Esperábase un duelo competido no Municipal e non defraudou, resultando decisivo o aguerrido 6-0 defensivo plantexado por Quique Domínguez. Así, cun bo ton en defensa, comezou dominando o Teucro, aínda que os fallos en ataque en situacións vantaxosas facían que o marcador permanecese igualado nos primeiros minutos.
Foron as primeiras exclusións, tres consecutivas nas filas zamoranas con dúas para un peso pesado da defensa como Fernando Ruiz, as que provocaron as primeiras diferenzas, cun cadro local que marchaba tres arriba (7-4). Con todo os visitantes reaccionaban e tras un tempo morto lograban devolver a igualdade. Eran os seus mellores minutos cun Teucro atrancado en ataque que aproveitaban para poñerse por diante (10-11 e 11-12) nas que foron ao cabo as súas únicas vantaxes no choque.
Un gol de Iván Fernández daba o empate xusto antes do descanso, e na continuación o mando volvérono tomar os de Quique Domínguez. A tensión era evidente, xa que os dous sabían o moito que había en xogo, e así pasaron case 12 minutos (15-14) ata que unha acción que podía ser negativa serviu para pegar un estirón. Os azuis, a pesar da exclusión de Balázquez no que parecía o seu mellor momento en ataque, encadearon dúas grandes accións ofensivas da man de Borja Méndez ás que responderon os visitantes con precipitación tentando aproveitar a portería baleira. Fallaron e o marcador volvía mostrar un +3 (18-15) no ecuador do segundo acto.
A renda chegou a subir aos catro goles, pero o Zamora non dixera a súa última palabra e mantivo a intensidade no seu xogo para apertar ao marcador ata situarse nos compases finais a un. Fíxoo ata en tres ocasiones sen conseguir rematar a remontada, a última con balón a falta de só 70 segundos de xogo. Pediu tempo morto Eduardo García Valiente para preparar a xogada pero emerxeu de novo o 6-0 defensivo para roubar un balón e permitir a Balázquez sentenciar ao contragolpe. Fallaría na réplica Adrián Prieto para o Zamora despedíndose do partido, que só puido maquillar sobre a bucina co tanto final, xa sen opcións.
Un triunfo de mérito ante un dos equipos que máis en forma terminara o ano e que supón unha boa dose de tranquilidade para afrontar a segunda volta da Asobal sen os nervios de ver de preto a zona perigosa. Agora só falta rematar.
CONDES DE ALBAREI TEUCRO (23): Santana, Borja Méndez (5), Juan Quintas (1), Iván Fernández (4), De Castro, Edu Moledo, Carlos Gehrhard (1) -siete inicial- Balázquez (5), Samu Gómez (1), Dani Hernández (6, 4p), Medina, Moyano, Ángel Iglesias, Samuel Pereiro, Lloria.
MMT SEGUROS ZAMORA (22): Carlos Calle, Marc Abalos (2), Dos Santos (1), Cano, Magadan (1), Iñaki Gómez (2), Cangiani (1) -siete inicial- Ceballos (3, 1p), Fernando Ruiz, Ander Iriarte (1), Jorge Martín (5, 2p), Raúl Maide, Luis Posado, Gastón Mouriño (2), Jaime González (3), Adrián Prieto (1).
Árbitros: Martín Franco y Fernández Fernández. Excluyeron a Medina y Balázquez (2) en el Teucro y a Fernando Ruiz (2), Gastón Mouriño, Marc Abalos y Adrián Prieto en el Zamora.
Marcador cada cinco minutos: 1-1, 3-2, 6-4, 8-7, 9-9, 12-12, descanso, 13-13, 14-13, 18-15, 20-16, 21-19, 23-22.
Incidencias: Primeiro partido da segunda volta da Liga Asobal disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante máis dun milleiro de espectadores.