Máis que dous puntos en xogo para Teucro e Zamora no regreso da Liga Asobal
Por Diego Espiño
A emoción da Liga Asobal de balonmán volve máis dun mes despois ao Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra (sábado, 20:30 horas) e faino cun duelo pola permanencia na máxima categoría entre o Condes de Albarei Teucro e o Balonmano Zamora.
Serán máis de dous puntos os que se poñerán en xogo no azul da pista pontevedresa, e é que o que gañe sairá fortalecido ao facerse co average particular, que pode ser diferencial a final de tempada, despois do empate rexistrado na primeira xornada de liga.
Actualmente os azuis, con 11 puntos, avantaxan en dous ao seu próximo rival. "Preparámonos a conciencia para este partido", recoñece Quique Domínguez despois de catro semanas de traballo sen competición oficial.
O técnico agarda un Zamora motivado e no seu mellor momento tras o seu bo final de ano. "É un equipo moi ben traballado que saca moito proveito aos seus recursos", asegura o preparador teucrista, que pide a axuda da afección para que "empuxe nos momentos máis complicados" e axude a conseguir a vitoria.
Con Rial e Óscar Silva fóra por lesión, a dúbida no Teucro céntrase no estado físico do capitán Carlos García, mentres que outros xogadores como Ángel Iglesias ou Juan Quintas a pesar de arrastrar problemas durante as últimas semanas estarán na convocatoria.
Outro que volve ao equipo, no seu caso despois dunha longa convalecencia, é Johnny Medina, quen está "desexando que empece o partido e poder volver sentir o que é xogar no Municipal" declarou. O pivote recoñece que "aínda non estarei ao 100% pero creo que podo axudar moito ao equipo desde o primeiro día", convencido como está de poder achegar a súa experiencia principalmente en labores defensivos.
Relacionadas:
-
Emocionante vitoria do Teucro ante o Zamora que achega a permanencia (23-22)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Homenaxe do Teucro aos campións de Europa de balonmán
Por Redacción |
-
Mellorar fóra da casa, obxectivo do Teucro para a segunda volta da Liga Asobal
Por Redacción |
-
Reserva efectivos o Teucro e cae ante Ademar León no amigable de Lugo (23-29)
Por Redacción |
-
Suspendido o partido entre Teucro e Sporting de Portugal que se ía a celebrar en Cuntis
Por Redacción |