Os equipos da Gimnástica dan o talle no Campionato Galego de Cros Curto
Por Redacción
A localidade ourensá da Rúa foi escenario o domingo do XI Campionato de Galicia de Cros Curto, ademais da competición autonómica de campo a través por clubs e individual nas categorías cadete (sub-16) e xuvenil (sub-18).
A Sociedad Gimnástica desprazou á cita aos seus equipos logrando bos resultados, especialmente no que se refire á categoría xuvenil feminina. Este equipo, formado por Paula de la Torre, Blanca Armenteros, Paola de Montis e Mónica Junquera conseguiu a medalla de ouro e o billete para participar no Campionato de España de Cros que se celebrará o 25 de febreiro en Xixón.
A nivel individual Paula de la Torre, cunha medalla de prata, e Blanca Armenteros, cun bronce, conseguiron ademais unha praza para a selección galega que acudirá ao nacional sub-16 e sub-18 en idade escolar o próximo 4 de marzo en San Pedro del Pinatar.
O outro ouro que sumou a Gimnástica foi o de Hugo García na categoría sub-16 masculina, polo que tamén estará no Campionato de España en Idade Escolar.
Pola súa banda na categoría senior, promesa e sub-23 o equipo feminino formado por Joselyn Brea, Eva Cid, Sharay Astariz e Marina Porteiro obtiveron o terceiro posto a só seis puntos da segunda posición, mentres que o conxunto masculino foi sétimo.
CAMPIONATO GALEGO DE PROBAS COMBINADAS
Tamén se celebrou durante a fin de semana en Lugo o Campionato Galego de Probas Combinadas, unha das citas máis destacadas da tempada de pista cuberta.
No péntatlon xuvenil feminino, Clara Rivas logrou colgarse a medalla de prata cun total de 2.502 puntos. Mellor mesmo lle foron as cousas na categoría absoluta a Lucía Seijas ao facerse co ouro con 2.863 puntos.
En canto ao héptatlon masculino, Pablo Tojal e Raúl Cortizo foron prata e bronce respectivamente con 3.944 e 3.781 puntos.
Relacionadas:
-
Os ximnásticos Manuel Hurtado e Inés Castaño, campións galegos de cros
Por Redacción |
-
RADIO.- Charo Castro: "Touza sempre estivo a pé do canón na Gimnástica e iso sempre me pareceu moi importante"
Por Marisa Ciordia |
-
Charo Castro, nova presidenta da Sociedad Gimnástica
Por Diego Espiño |
-
Bo papel da Gimnástica no Campionato Galego Absoluto de atletismo
Por Redacción |